Barbadás aproba dúas mocións para que Sogama manteña o canon pola recollida de lixo
O aumento do canon que impón Sogama aos concellos preocupa, e moito, ao goberno local de Barbadás, que levou ao pleno ordinario de setembro unha moción para que se manteña o canon actual de 66 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada. Tamén se reclama que se manteña a actual bonificación do 15%, xa que a súa supresión “afectaría aos concellos que levan dende o ano 2019 facendo os deberes cumprindo os compromisos medioambientais”.
Dende o goberno local denunciouse esta situación e esixiuse á Xunta que mude a súa política de xestión de residuos cara unha xestión descentralizada en plantas de proximidade e primando a redución e a reciclaxe fronte á incineración. Victoria Morenza, tenente alcalde, lamentou esta suba “que afoga aos concellos”. A edila explicou que o Concello de Barbadás ten un custo de recollida, transporte e tratamento de residuos de máis de 700.000 euros, que é o que custa Geseco e Sogama. Os ingresos recibidos son 400.000 euros, polo que o déficit ascende a 300.000 euros.
Tamén lembrou Morenza que o Concello aposta polo medio ambiente con iniciativas coma a implantación do contedor marrón nas zonas urbanas e a entrega de composteiros a familias do medio rural, accións que pretenden a redución do lixo xerado que vai xeralmente ao contedor verde. A moción prosperou cos votos a favor de todos os grupos agás o PP, que se abstivo.
Nesta mesma liña presentou o BNG outra moción, que prosperou cos votos a favor de todos os grupos, excepto o PP que votou en contra, e que rexeita a subida do canon de Sogama e reclama un novo modelo de xestión de residuos.
Na sesión plenaria tamén saíu adiante a participación do Concello na Área Funcional Ourense Sur e a Axenda Urbana, unha guía metodolóxica que propón un “menú á carta” de posibles accións para que todos os actores, públicos e privados que interveñen nas cidades, e especialmente as Administracións Locais, poidan elaborar os seus propios plans de acción e implementación de cara a un futuro sostible. Este punto aprobouse co voto a favor de todos os grupos políticos, a excepción dos concelleiros do BNG e a concelleira do Partido Popular María Grande.
Co voto a favor do grupo de goberno e o concelleiro do Partido Galego e a abstención de PP e BNG aprobouse o suplemento de crédito por valor de 207.043 euros e formalizouse así o recoñecemento extraxudicial de crédito debatido e aprobado nun pleno extraordinario de 6 de agosto de 2024. Con este importe levarase a cabo o pago a diferentes provedores.
Festivos locais para o ano 2025
Co apoio de todos os grupos excepto a concelleira do Partido Popular María Grande, que se abstivo, establecéronse como festivos locais o martes de Entroido e o 11 de novembro, San Martiño.
A moción do PP solicitando o cambio no regulamento orgánico municipal de voto telemático nos plenos extraordinarios saíu adiante co voto de todos os grupos políticos agás a concelleira do PP María Grande, que se abstivo.