Barbadás aproba unha modificación de crédito de 158.000 euros para 'necesidades urxentes'

OurenseXa
Entre as primeiras, están a inxección de 40.000 euros máis este ano en axudas ao transporte dado o notable incremento de viaxeiros
Pleno do Concello de Barbadás
Imaxe do Pleno do Concello de Barbadás
8 Out 2024

O Pleno do Concello de Barbadás aprobou este luns unha modificación de crédito de 158.000 euros para asignar o que restaba dos 7000.000 adicionais da liquidación do Estado.

Despois de aprobar a principios de agosto un incremento de 700.000 euros adicionais por parte do Estado ás arcas municipais, en concepto de liquidación definitiva da súa participación nos tributos estatais, a Corporación aprobou este luns unha modificación de crédito para dedicar parte daquel aporte (exactamente 158.000 euros) a necesidades urxentes que non poden demorarse ao exercicio seguinte ou ben a facer fronte ao incremento xeneralizado de prezos.

Entre as primeiras, están a inxección de 40.000 euros máis este ano en axudas ao transporte dado o notable incremento de viaxeiros, o aumento en 25.000 euros da partida coa que se financia a redacción dos proxectos das obras incluídas no Plan Provincial, ou a asignación de 15.000 máis á contratación de estudos e traballos técnicos. Esas dúas últimas achegas dan una idea da cantidade de proxectos nos que está a traballar, redactar e impulsar o goberno local e que na maior parte dos casos teñen que ver coa mellora de infraestruturas básicas e da calidade de vida da veciñanza no seu día a día. En total, todos estes proxectos suman 400.000 euros de inversión.

Desde o Concello consideran tamén moi relevante o incremento de usuarios do transporte público bonificado, que non ten deixado de medrar en Barbadás nos últimos anos. Xa no 2023 alcanzara as 308.355 viaxes, por 215.492 no 2022. O Concello bonifica o billete xeral cun desconto do 37%, qué é dun 55% para estudantes e dun 48% para pensionistas, sendo totalmente gratis para as persoas en risco de exclusión.

Na modificación de crédito aprobada hoxe inclúense máis recursos para servizos de educación, fomento do emprego, subministracións para instalacións deportivas, traballos técnicos ou reparación de maquinaria. En canto ao resto do incremento de 700.000 euros, o goberno destinouno integramente a inversións e pago de facturas de provee-dores.

Outros dous acordos relacionados coa aportación extraordinaria de fondos do Estado foi a declaración de créditos non dispoñibles por importe de 541.000 euros, que eran os que tiña previsto solicitar o Concello no momento de aprobación do orzamento, pero que xa non o fará ao quedar cuberta esa previsión cos ingresos adicionais das arcas estatais.

Todos estes acordos económicos saíron adiante cos votos dos concelleiros do PSdeG-PSOE, DO e Partido Galego, mentres que PP e BNG votaron en contra.

Previamente, tomaron posesión das súas actas a concelleira socialista Noemí Pintos e o concelleiro popular Roberto Fernández.

Por unanimidade, a corporación aprobou unha moción do PSdeG-PSOE e DO que supón un toque de atención ás empresas subministradoras de servizos (electricidade, gas, telecomunicacións, auga…). Amparándose en exemplos reais de desatención ou atención tardía por parte de diferentes compañías, a corporación pídelle o establecemento de canles de comunicación de fácil acceso, sen automatización, e oficinas de atención ao público suficientes, evitando así a fenda dixital. Tamén unha canle directa coas administracións ou a solución inmediata das incidencias que afecten á colectividade.

Cos votos de PP e o BNG saíu adiante unha moción do partido nacionalista para que cada grupo poda ceder o tempo da súa intervención a calquera persoa, representante dun colectivo social ou veciñal, cedéndolle mesmo o seu escano para que realice a súa intervención.

A que non se aprobou foi a relativa á solicitude, por parte do BNG, dunha condena do xenocidio en Gaza e a ocupación de Palestina, que obtivo os votos en contra do PP e a abstención de PSdeG-PSOE e DO por non incorporar tamén á declaración ás vítimas de Hamás.

O PP si sacou adiante unha das súas dúas mocións, si ben coa abstención dos dous partidos que forman parte do goberno. En concreto a que ten que ver coa aprobación de bonificacións para quen acredite unha situación de vulnerabilidade económica, algo ao que se comprometeu o alcalde de cara ao próximo ano.

A segunda, que propoñía a derrogación da subida das taxas da Escola de Música e unha investigación sobre o proceso polo que se tomou esta decisión, foi rexeitada pola suma dos 8 votos de PSdeG, DO e Partido Galego, resultando decisivo para desfacer o empate o voto de calidade do alcalde. O incremento das cotas para este ano foi de 40 anos (de 120 a 160 euros), que en función da duración do curso se traduce en 4 euros á semana e a un euro por cada hora de clase, xustificaron tanto o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, como á concelleira de Cultura, Marga Pérez.

0.20340800285339