Barbadás buscará revitalizar a zona de San Lourenzo de Piñor mellorando a conexión con Ourense

O Concello de Barbadás levará a cabo a rexeneración do firme da pista de Santa Uxía, na parroquia de San Lourenzo de Piñor, cun orzamento de 72.003,72 euros. A obra foi adxudicada a Obras e Saneamentos Galicia e centrarase no acceso desde Ourense, un dos dous que conectan con esta localidade do contorno de Reza e do río Miño.
O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, destacou que, a pesar de ser unha zona con pouca poboación, a intervención busca revitalizala e atraer novos veciños: “A pesar de ser unha zona con pouca poboación, a nosa intención é revitalizala e favorecer o asentamento de novos veciños e veciñas, aproveitando a súa proximidade á cidade de Ourense. Santa Uxía é un lugar idílico, coma un miradoiro sobre o río Miño e mesmo sobre as zonas termais da cidade”.
Esta obra forma parte do Plan de Obras 2025 do Concello, que contempla un total de 35 actuacións cun orzamento global de 1,1 millóns de euros para mellorar a calidade de vida en todas as localidades do municipio.