Barbadás conmemora o 8M con actividades culturais, deportivas e educativas

OurenseXa
O programa estenderase durante os meses de marzo e abril con obradoiros, charlas, teatro, actos institucionais e a terceira edición da Carreira pola Igualdade
presentacion-8m-barbadas
4 Mar 2026

O Concello de Barbadás presentou este mércores o programa de actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller, que se prolongará durante os meses de marzo e abril e inclúe propostas deportivas, culturais e educativas.

“A loita pola igualdade é unha loita esencial e diaria”, destacou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, na presentación da programación. O rexedor estivo acompañado do tenente alcalde e concelleiro de Igualdade, Daniel Rey, así como de varias traballadoras municipais de Servizos Sociais e Igualdade, ás que agradeceu o seu “esforzo e traballo”.

Os actos comezan o domingo 8 de marzo, Día Internacional da Muller, coa lectura do manifesto e o acto institucional na contorna da glorieta da Familia da Valenzá ás 12:00 horas. “Tamén teremos unha carpa informativa de 11:00 a 14:00 horas”, detallou Rey.

O domingo 15 de marzo terá lugar a III Carreira pola Igualdade e Contra a Violencia de Barbadás, que cada ano reúne centenares de participantes. A saída será ás 11:00 horas e as inscricións poden realizarse a través da web Sportmaniacs.

O sábado 28 de marzo desenvolverase un obradoiro de Autodefensa para Mulleres, actividade que se repetirá na programación do 25N. Terá lugar na Casa da Mocidade de 11:30 a 13:30 horas, e as inscricións poden formalizarse a través do correo igualdade@barbadas.gal ou do teléfono 988 222 251.

No apartado cultural, o venres 17 de abril a Casa da Cultura Manuel María acollerá ás 20:30 horas a obra teatral “As alumnas”, centrada na pedagoga galega María Barbeito e no impacto do franquismo na educación das nenas. As invitacións poderán retirarse na propia Casa da Cultura durante esa mesma semana.

No ámbito educativo, durante marzo e abril realizaranse obradoiros nos centros CEIP O Ruxidoiro, CEIP Filomena Dato, Colexio Luis Vives e IES Xesús Ferro Couselo, nos que “o alumnado traballará na temática da igualdade”, explicou Rey.

O alcalde e o concelleiro de Igualdade convidaron á cidadanía a participar nas actividades do 8M, lembrando que a loita pola igualdade “é unha cuestión transversal a homes e mulleres” e que é “necesario poñer en valor a loita das mulleres e sensibilizar á sociedade para seguir avanzando”. María Armada, directora do CIM, subliñou a desigualdade “estrutural” que afecta ás mulleres en distintos ámbitos, desde o laboral ata os coidados e a conciliación, onde “os homes non están entrando do mesmo xeito que as mulleres”.

0.12335896492004