Barbadás convoca un concurso de Mecos de Entroido que repartirá 600 euros en premios

OurenseXa
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o venres 6 de febreiro
meco-de-entroido-barbadas
31 Jan 2026

O Concello de Barbadás pon en marcha unha nova edición do concurso de mecos de Entroido co obxectivo de impulsar a participación cidadá e revitalizar unha tradición propia destas festas que foi perdendo presenza co paso dos anos. A iniciativa, promovida desde a área de Cultura, repartirá premios económicos entre as creacións máis destacadas.

Poderán participar persoas a título individual ou grupos, como asociacións veciñais, colectivos culturais ou formacións musicais, sempre que elaboren un meco e o expoñan nalgún punto do municipio. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o venres 6 de febreiro ás 12.00 horas, mediante un formulario dispoñible na web municipal.

Unha vez rematado o período de inscrición, abrirase unha fase de votación popular na que será a propia veciñanza quen escolla os tres mecos máis orixinais e creativos. As votacións realizaranse de xeito telemático entre os días 9 e 16 de febreiro.

O certame contará cunha dotación total de 600 euros en premios, repartidos en 300 euros para o meco máis votado, 200 euros para o segundo clasificado e 100 euros para o terceiro. Desde o Concello destacan que esta proposta busca non só premiar a creatividade, senón tamén reforzar o carácter participativo e tradicional do Entroido en Barbadás.

⚙ Configurar cookies
0.081217050552368