Barbadás denuncia graves “deficiencias” no CEIP Filomena Dato

OurenseXa
Concello, familias e profesorado piden á Xunta unha solución ante os problemas que dende varios acumula o centro
humidades-ceip-filomena-dato
Humidades e baldosas rotas no CEIP Filomena Dato
18 Jan 2025

O estado do CEIP Filomena Dato, con 26 anos de antigüidade, converteuse nun motivo de preocupación tanto para as familias do alumnado, como para a dirección do centro e, por suposto,  para o propio goberno local de Barbadás. Dende hai varios anos, as instalacións acumulan filtracións en distintas zonas, localizadas agora no ximnasio, a aula de psicomotricidade ou o almacén, entre outras, o que require actuacións inmediatas, como a substitución de varias cubertas.

Ante esta situación, a concelleira de Educación do Concello de Barbadás, Marga Pérez, mantivo unha reunión co director territorial da Consellería de Educación en Ourense, Jorge Rubén Sampedro Grande, co obxectivo de trasladarlle a urxencia de tomar medidas que solucionen o “cúmulo de deficiencias detectadas e desatendidas durante os últimos anos”.

A propia concelleira resalta que “dende o Concello tratamos de ir solucionando algunhas, pero hai outras que  requiren grandes actuacións estruturais para as que é imprescindible contar coa colaboración da Xunta”.

Hai que lembrar que o Concello de Barbadás fai unha achega anual de 200.000 euros para o mantemento dos colexios, en concreto para persoal de conserxería, limpeza, gastos de luz, prevención de pragas ou incendios…”,

O responsable de Educación no provincia de Ourense, segundo explica Marga Pérez, “amosou o máximo interese en solucionar todas as necesidades que lle transmitimos, tanto dende o Concello como dende a dirección do CEIP”.

A reunión tamén serviu para que Marga Pérez puxera sobre a mesa outras cuestións que precisa o CEIP, como “que se pinte a fachada e se solucione o problema de sucidade que crean as pombas no patio de xogos do centro”.

 “A colaboración entre as administracións é imprescindible para poder facer un correcto mantemento dos colexios. Cada concello fai un enorme esforzo económico, aceptando competencias que xa no Pacto Local de 2006 coa Fegamp  se acordara que deberían ser asumidas pola Xunta de Galicia”, explica a conselleira.

0.17287993431091