Barbadás inicia a renovación de 581 luminarias con tecnoloxía LED

OurenseXa
A intervención, que ten un custo de 350.984,24 euros, permitirá reducir nun 83 % o consumo enerxético actual
concello_barbadas_recurso
6 Oct 2025

O Concello de Barbadás comenzou a substitución de 581 vellas luminarias por tecnoloxía LED no marco do proxecto aprobado polo Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE).

Trátase do terceiro plan de modernización lumínica que o Concello presenta ante este organismo estatal co obxectivo de reafirmar o seu compromiso coa redución da pegada de carbono e o avance cara a un modelo de desenvolvemento sostible e respectuoso co medio ambiente.

A intervención, que ten un custo de 350.984,24 euros, permitirá reducir nun 83 % o consumo enerxético actual. O proxecto contempla o substitución das luces en nove instalacións de alumeado público situadas principalmente nos núcleos de Barbadás e Bentraces. “As novas luminarias son LED de 2200K, dimensionadas conforme á normativa vixente en materia de eficiencia enerxética e calidade do alumeado exterior”, explicou o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel.

A elección destas luminarias responde ao Regulamento de Eficiencia Enerxética en Instalacións de Alumeado Exterior que, segundo detallou a concelleira de Servizos Públicos do Concello, Victoria Morenza, “debe axustar a iluminación a uns parámetros técnicos concretos, evitando o sobredimensionamento que presentaban moitas instalacións antigas”. Ademais, Morenza destaca que as novas luces achegan beneficios máis alá do aforro enerxético, xa que “están colocándose luces con temperaturas de cor baixas e moi pouca fracción de radiación azul, o que evita alteracións nos ritmos circadianos da poboación e contribúe a unha mellor calidade do descanso nocturno”.

O proxecto tamén busca mellorar a seguridade viaria e reducir o impacto ambiental xa que, segundo Morenza, as luminarias reforzan a seguridade viaria ao evitar o deslumbramento de condutores e peóns, ademais de reducir o impacto na fauna do contorno. A elección destas luces está aliñada coa Estratexia Nacional de Ceos Escuros e coas directrices europeas de protección da biodiversidade.

O obxectivo, dixo o alcalde, “é reducir a sobreiluminación, axustar a luz aos niveis recomendados internacionalmente para garantir seguridade viaria e confort visual e avanzar cara un modelo de alumeado máis sostible e eficiente, aliñado coas políticas enerxéticas e ambientais europeas”.

Barbadás xa implementara dous proxectos anteriores co IDAE, que permitiron renovar luminarias en núcleos como Parada e Sobrado e en sete rúas de A Valenzá. Ademais, o Concello liderou de xeito pioneiro a modernización do alumeado público con fondos propios, substituíndo luminarias en localidades como Piñor e Finca Fierro.

⚙ Configurar cookies
0.071595907211304