Barbadás inicia traballos de mellora da rede de abastecemento na contorna da Glorieta da Familia

O Concello de Barbadás vén de iniciar as obras de renovación da rede de abastecemento de auga no contorno da Glorieta da Familia, na Valenzá, cun investimento de 54.000 euros destinado a mellorar o servizo e reducir incidencias na zona.
A intervención contempla a substitución das antigas tubaxes de fibrocemento por conducións de PVC nun tramo da rúa Areal, desde a Glorieta da Familia ata a rúa Salgueiriños, así como na propia rúa Salgueiriños.
O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, destacou que o obxectivo é ofrecer “un mellor servizo de abastecemento, moderno e nas mellores condicións posibles” para a poboación do municipio. Pola súa banda, o tenente de alcalde e concelleiro de Obras, Daniel Rey, explicou que esta actuación responde aos problemas detectados na rede actual, xa que o fibrocemento “estaba a provocar continuas roturas e fugas que conlevaban trastornos no abastecemento das vivendas da zona”. Segundo indicou, as novas tubaxes permitirán unha maior fiabilidade do sistema.
O proxecto prevé un prazo de execución duns tres semanas. Desde o consistorio sinalan que a substitución por material de PVC achegará maior resistencia, durabilidade e flexibilidade, ademais de mellorar a capacidade hidráulica da rede.