Barbadás mellora o parque infantil do Campo de Roma coa instalación de velas protectoras

O Concello de Barbadás vén de completar unha actuación de mellora no parque infantil do Campo de Roma, situado en Piñor, coa instalación de velas protectoras sobre a zona de xogos. A nova estrutura, formada por catro soportes e dúas lonas de gran tamaño, permite cubrir o espazo infantil fronte ás inclemencias meteorolóxicas.
Segundo explicou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, “deste xeito, os nenos e nenas poderán desfrutar do parque independentemente de que chova ou faga moito sol”. Esta intervención busca garantir o uso continuado do espazo lúdico ao longo de todo o ano, máis alá das condicións meteorolóxicas.
O investimento realizado polo goberno local achégase aos 18.000 euros. As velas instaladas poden desmontarse e recolocarse en caso de temporais, co obxectivo de evitar posibles danos na estrutura.
O parque do Campo de Roma convértese así no primeiro espazo infantil do municipio en contar con este tipo de cobertura. Non obstante, o executivo local prevé estender esta solución a outras áreas de xogos do concello. Neste sentido, o tenente alcalde, Daniel Rey, indicou que “xa se tomaron medidas noutros parques para instalar máis velas, e segundo dispoñibilidade orzamentaria, irémolas colocando”.