Barbadás multará con ata 500 euros aos donos de mascotas que non recollan os excrementos

O Concello de Barbadás puxo en marcha unha nova campaña de concienciación dirixida aos propietarios de animais domésticos, co obxectivo de mellorar o estado de limpeza nos espazos públicos, especialmente na zona da Valenzá. A medida responde ás constantes queixas da veciñanza e ás sinaturas recollidas pola presenza de excrementos e ouriños en diferentes puntos do municipio.
Baixo o lema “Coida dos teus animais e da túa contorna”, o goberno local lembra que existen normas básicas de convivencia que deben cumprirse, como recoller os excrementos e botar auga sobre os ouriños. Estas obrigas están recollidas tanto na ordenanza municipal como na normativa autonómica e estatal.
“Hai moito malestar: houbo numerosas queixas e recollidas de sinaturas por parte da veciñanza pola falta de concienciación dalgúns propietarios”, sinala Victoria Morenza, tenenta de alcalde e concelleira de Parques e Xardíns, quen subliña que algúns puntos, como o último tramo da avenida de Celanova, convertéronse en zonas especialmente conflitivas.
O Concello lembra que o incumprimento destas normas pode supoñer sancións económicas de entre 100 e 500 euros. “É importante lembrar que existen unhas normas que se deben cumprir ao ter unha mascota”, insiste Morenza.
A campaña difundirase a través das redes sociais e mediante a colocación de carteis en distintos puntos do municipio. Desde o Concello anuncian tamén un reforzo das tarefas de vixilancia nas próximas semanas. “Pero tamén apelamos ao civismo da poboación”, conclúe a edil.