Barbadás ofertará 240 prazas por quincena nos campamentos de verán

OurenseXa
O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto até o 10 de abril
nenos_campamento_conciliacion_xogar
27 Mar 2026

O Concello de Barbadás pon en marcha unha nova edición do programa Barbadás Concilia Verán, unha iniciativa dirixida a favorecer a conciliación familiar durante os meses de xullo e agosto. O campamento, promovido pola Concellería de Educación, ofrecerá 240 prazas en cada quincena, distribuídas por distintas localidades do municipio.

Segundo explicou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, “desde o Concello sabemos da necesidade de conciliar, sobre todo durante os meses de verán, polo que facemos un esforzo importante para que un bo número de familias poida acceder a este servizo”.

As actividades desenvolveranse de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas e estarán repartidas en 11 núcleos do municipio, entre eles A Valenzá, Barbadás, As Lamas, Piñor, Sobrado, Bentraces, Parada, Loito, Finca Fierro, Fonsillón e Santa Uxía. No caso da Valenzá, habilitaranse dúas quendas por quincena debido á alta demanda prevista.

O campamento está dirixido a nenos e nenas nados entre 2014 e 2022 e incluirá actividades lúdicas variadas pensadas para o lecer e o entretemento durante o período estival. O prezo será de 20 euros por menor e por quenda.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 10 de abril e as solicitudes poderán presentarse a través da sede electrónica municipal ou de maneira presencial no rexistro do Concello, tanto na Casa Consistorial como nas oficinas da Valenzá.

O calendario de tramitación continuará coa publicación da lista provisional de admitidos o 20 de abril, a apertura do prazo de pagamento ata o 5 de maio e a publicación da lista definitiva o 8 de maio.

0.13921093940735