Barbadás ofrecerá o próximo curso máis de 350 prazas para actividades extraescolares

A Concellería de Educación de Barbadás xa está a traballar na programación do curso escolar 2025/2026 coa mirada posta nas familias. Así, oferta máis de 350 prazas que facilitan a conciliación de pais e nais, tanto nas primeiras horas da mañá como polas tardes.
O goberno local impulsa unha variada proposta de actividades extraescolares nos centros educativos públicos (CEIP Filomena Dato e CEIP O Ruxidoiro), que inclúen idiomas, deporte, arte e creatividade. A selección está deseñada para fomentar o desenvolvemento físico, creativo e emocional dos menores. En cada colexio ofertan 120 prazas. As actividades comezarán o 1 de outubro e finalizarán o 28 de maio de 2026.
Por outra banda, para facilitar a entrada temprana aos colexios, o Concello ofrece o servizo ‘Bos días cole’, dispoñible desde as 7:30 horas ata o inicio da xornada escolar. Este programa conta con un total de 120 prazas entre os dous centros educativos.
As inscricións para as actividades extraescolares e para o servizo ‘Bos días cole’ poderán realizarse desde o 16 de xuño ata o 6 de xullo. As solicitudes formalízanse a través do rexistro electrónico da web do Concello de Barbadás ou nas oficinas municipais.
A Concellería de Educación tamén oferta o servizo de Mudas Escolares de maneira totalmente gratuíta, para facilitar a conciliación no horario escolar e evitar que as familias teñan que desprazarse ata o centro escolar se é preciso cambiar de roupa aos menores.