Barbadás presenta o programa do Entroido 2026 que este ano aposta pola tradición

OurenseXa
O martes de Entroido celebrarase o tradicional Gran Desfile do Entroido, que xa ten abertas as inscricións
presentacion-entroido-barbadas
28 Jan 2026

O Concello de Barbadás presentou a programación do Entroido 2026, centrada na tradición e que incluirá obradoiros de mecos, regueifas, charangas e cantos de taberna. “Este ano temos unha programación intensa e extensa”, asegurou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, durante a presentación.

O concelleiro de Cultura, José Manuel Morgade, animou á poboación a participar nun programa que xa comezou esta semana con obradoiros de compadres e comadres nos CEIP Filomena Dato e O Ruxidoiro. As actividades continuarán este sábado co obradoiro de elaboración da máscara dos Follateiros de Lobios e as regueifas infantís, que servirán de antesala aos días principais do Entroido, a partir do venres 13, cando se celebrará o desfile infantil dos centros educativos.

Morgade explicou que o programa presenta cambios respecto a edicións anteriores, como a recuperación do formato tradicional do desfile infantil, no que cada colexio desfila por separado. “O programa ten certas modificacións respecto a anos anteriores”, sinalou, e insistiu na importancia de garantir a seguridade dos participantes. O alcalde recordou que “o ano pasado amontoáronse máis de 1.000 nenos e nenas nun tramo moi pequeno”, mentres que o tenente alcalde e concelleiro de Emerxencias, Daniel Rey, destacou a necesidade de evitar problemas de mobilidade nunha vía con “tráfico denso” en horas punta.

O venres pola tarde terá lugar o pregón do Entroido na Glorieta da Familia, a cargo de Xusto Calviño e do Grupo Defensor do Meco, acompañado pola actuación do Grupo Zoadeira e os cantos de taberna de Cuncas do Son. Ambos colectivos realizarán unha rolda musical polos establecementos hostaleiros da Valenzá ata as 22:30 horas. Daniel Rey explicou que este ano non haberá discoteca móbil a noite do venres, xa que “a estatística fíxonos suspender ese evento”, tras rexistrarse na edición anterior incidentes relacionados con intoxicacións etílicas, vandalismo e pelexas.

A programación continuará o sábado coa Charanga Big Band, que percorrerá as aldeas do municipio entre as 17:00 e as 21:00 horas, mentres que o domingo pola mañá a música chegará á Valenzá da man da Charanga Europa. O luns de Entroido estará dedicado ao público infantil coa Festa Infantil de Disfraces no Parque da Solaina, a partir das 16:30 horas.

O martes de Entroido celebrarase o tradicional Gran Desfile de Barbadás na Avenida de Celanova, unha cita que reúne cada ano a milleiros de persoas. As inscricións para participar xa están abertas e permanecerán dispoñibles ata o 16 de febreiro ás 12:00 horas. “Este ano fixemos modificacións nas bases para que estean moito máis claras para os participantes”, indicou Valcárcel. O desfile comezará ás 17:00 horas e finalizará coa entrega de premios e animación musical.

Co obxectivo de facilitar o acceso á Valenzá, o parking do Carrefour permanecerá aberto. No dispositivo de seguridade participarán efectivos sanitarios, Protección Civil, a Policía Local de Barbadás e Ourense, e a Garda Civil. “No operativo de seguridade participarán efectivos médicos, Protección Civil, Policía Local de Barbadás, Policía Local de Ourense e efectivos da Garda Civil”, detallou Rey.

A celebración do Entroido rematará o mércores 18 co Desfile Fúnebre e a Queima do Meco, que comezará ás 20:00 horas e percorrerá as rúas da Valenzá ata a Praza Vella, coa participación de viúvas, bispos, curas e monxas.

Por outra banda, o alcalde explicou que este ano non se convocará o concurso para a elaboración do cartel do Entroido debido ás polémicas rexistradas nas dúas últimas edicións. “Hai dous anos, o suposto artista enviou o mesmo cartel en diversas localidades de España, e o ano pasado acusouse de plagio ao autor”, sinalou Valcárcel.

⚙ Configurar cookies
0.082314014434814