Barbadás presenta o programa do seu ‘Verán Cultural’

O Concello de Barbadás impulsa un ano máis o Verán Cultural, a proposta cultural que cada noitiña de xoves leva ao parque dos Patos actuacións e espectáculos artísticos. “Somos un referente cultural na comarca de Ourense, polo que convidamos a toda a poboación, non só á de Barbadás, a desfrutar do Verán Cultural”, sinalou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, na presentación da programación.
Esta “cita obrigada”, en palabras de Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Parques e Xardíns, inclúe nove espectáculos de música, teatro, circo, títeres e clown. “A tarima xa está montada e a programación, lista”, apuntou Morenza, quen tamén animou á veciñanza a desfrutar da cultura nun entorno natural e refrescante.
O Verán Cultural conta coa participación de artistas locais, como é o caso da Banda de Música de Barbadás ou o grupo En Mala Hora, pero tamén de artistas nacionais, como a compañía circense Finestra Nou Circ, e internacionais, como Desastronauts ou a fadista Marlene Rodrigues, que inundará de nostalxia e sentimento o parque dos Patos. Inventi Teatro, Trécola Producións e o grupo musical Gin Toni’s completan a programación da cita estival en Barbadás.
O Verán Cultural arrancará a próxima semana da man da Banda de Música Infantil. Neste caso, a actuación será o mércores, á hora habitual (21,00 horas). “O mércores actúa a banda infantil e o xoves, a xuvenil”, explicou Marga Pérez, concelleira de Educación.
Pola súa parte, Ana Peleteiro, edila de Cultura, detallou a programación do verán, que inclúe oferta para todos os gustos: “Dirixímonos a público de todas as idades, sempre cun enfoque interdisciplinar”. Este ano, haberá circo, teatro, títeres e música en directo. “O que se pretende é que a veciñanza desfrute da cultura, porque en Barbadás a cultura non colle vacacións. Teremos circo contemporáneo, acrobacias, clown, noite de fados, música das décadas douradas do pop e rock español…”, apuntou Peleteiro.