Barbadás recibiu unha axuda de 42.083 euros do Plan Corresposables para facilitar a conciliación

OurenseXa
En total, o Goberno destina máis dun millón e medio de euros para programas de conciliación dentro do Plan Corresponsables en 65 concellos ourensáns
concilia-veran-barbadas
Concilia Verán Barbadás
2 Jul 2025

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, celebrou hoxe que o Plan Corresponsables do Ministerio de Igualdade deixa en 65 concellos da provincia de Ourense 1.532.491 euros. Fíxoo durante unha visita a un dos campamentos de Barbadás Concilia, enmarcado neste programa, xunto ao alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, e á concelleira de Educación, Marga Pérez.

No espazo infantil do parque da Solaina, onde se leva a cabo un dos campamentos, o subdelegado do Goberno explicou que o Concello de Barbadás resultou beneficiario este ano dunha axuda de 42.083 euros da liña para entidades locais do Plan Corresponsables, grazas ao cal facilita a conciliación de 294 familias. “Grazas a este programa, as nais, os pais e os titores poden traballar con total tranquilidade durante o verán sabendo que os seus fillos están ben coidados cun servizo público moi importante”, sostivo.

Eladio Santos indicou que o Ministerio de Igualdade concedeu o ano pasado á Comunidade Autónoma de Galicia, no marco de Plan Corresponsables, 9.331.686,30 euros para fomentar a conciliación e o coidado profesional, o que se fai na actualidade (cos fondos repartidos no 2024) con distintas liñas de axudas destinadas a concellos, entidades sen ánimo de lucro, ANPAS e federacións deportivas, entre outros programas. “O Goberno de España ten como obxectivo consolidar os coidados como un dereito desde a óptica da igualdade entre homes e mulleres”, subliñou.

Nesta liña, o subdelegado detallou que o Plan Corresponsables se iniciou en 2021 e hoxe está consolidado como un eixo da igualdade en toda España e concretou que “facilita aos Concellos facer actividades e campamentos sen usar fondos propios”.

O Plan Corresponsables, que este ano repartiu ás Comunidades e ás Cidades Autónomas máis de 142,5 millóns de euros, é competencia da Secretaría de Estado de Igualdade e para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres, e baséase nun sólido marco xurídico e político: o artigo 44 da Lei Orgánica 3/2007 de igualdade efectiva entre mulleres e homes, o artigo 24 da Carta de Dereitos Fundamentais da UE, as recomendacións da Estratexia Europea de Coidados (2022) e un enfoque de garantía de dereitos universais, independentemente da situación laboral das persoas beneficiarias.

O Plan Corresponsables desenvólvese en colaboración coas Comunidades e Cidades Autónomas porque son responsables competenciais da posta en marcha de tres dos seus cinco eixos: a creación de bolsas de coidado profesional que faciliten a conciliación de familias con fillas e fillos menores de 16 anos, o fomento do emprego e a certificación da experiencia profesional de coidado non formal.

⚙ Configurar cookies
0.19111585617065