Barbadás reclama que se cubra a praza de pediatría vacante para garantir a atención en horario de tarde

OurenseXa
Os socialistas de Barbadás, xunto con DO, levarán ao próximo pleno unha moción para solicitar a dotación dos pediatras necesarios para a atender á poboación do municipio
Concello_barbadas
Casa do Concello de Barbadás
27 mar 2024

O goberno de Barbadás reclamará ao Sergas que se cubran as prazas vacantes nos servizos de saúde públicos do concello. Co obxectivo de mellorar a calidade asistencial que se presta aos veciños e veciñas, o grupo municipal socialista e o de Democracia Ourensana levarán ao próximo pleno unha moción na que se solicita, entre outras medidas, a dotación dos pediatras necesarios para a atender á poboación do municipio, con 1.400 nenos e nenas aos que se presta atención no centro de saúde.

Tal e como se explica na moción, en marzo de 2017 foi inaugurado o ambulatorio da Valenzá e por aquel tempo os responsables do Sergas aseguraron que o centro disporía dos servizos correspondentes adaptados aos datos de poboación atendida, sen ter que derivar pacientes ao centro de saúde da Carballeira.

Pero o certo é que Barbadás rompeu o teito poboacional no ano 2023 sen que este aumento redunde na mellora dos servizos de saúde públicos. Así, tal e como explican dende o grupo de goberno, a vacante dun pediatra impide a atención en horario de tarde, sobrecargando as urxencias no PAC da rúa Concello e as urxencias do CHUO.

O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, insiste na urxencia de que o Sergas cubra a praza vacante en pediatría: “Barbadás é un concello en continuo crecemento, cunha poboación moi nova e un gran número de nenos e nenas, polo que esiximos que se atenda esta demanda urxente e perentoria”.

A tardanza na obtención de citas, tanto no servizo de pediatría como en atención primaria pola sobrecarga asistencial, tamén produce continuas queixas dos veciños e veciñas.

Na moción, os dous grupos que conforman o goberno municipal subliñan que seguen sen ofertarse outros servizos imprescindibles para a poboación de Barbadás: “Véxase como tal o escaso horario de odontoloxía ou a inexistencia do servizo de fisioterapia. Como todos e todas sabemos, o resultado destas carencias é a sobrecarga para os profesionais de outros servizos públicos de saúde”.

Residencia Nosa Señora dos Milagres

A situación da Residencia Nosa Señora dos Milagres tamén preocupa ao grupo de goberno de Barbadás e así se reflicte na moción. Neste centro, de titularidade pública, onde existen dúas prazas de médico, unha está vacante sen que a Xunta de Galicia a cubra, tendo que derivarse internos deste centro “aos médicos xa sobrecargados do centro de saúde”.

O grupo de goberno, a través desta moción, reclama a mellora dos servizos públicos do concello e que a atención que se presta se adecúe ao aumento de poboación, constante nos últimos anos.

Deste xeito, na moción solicitarase á Corporación a aprobación dos seguintes acordos:

-Instar aos responsables do Sergas a dotar ao centro de saúde da Valenzá dos servicios dos que actualmente carece e que fan desprazar ás nosas veciñas e veciños ao centro de saúde da Carballeira (odontoloxía e fisioterapia).

-Instar aos responsables do Ministerio de Sanidade a convocar a oferta de prazas MIR acorde ás necesidades reais por especialidade e por vacantes, coordinándose efectivamente coas Comunidades Autónomas escoitando as súas necesidades reais.

-Instar ao Sergas a mellorar as condicións retributivas e de estabilidade laboral para atraer profesionais, evitando a “fuga” cara a outras comunidades ou cara o estranxeiro.

-Instar á Consellería de Política Social a que proceda á cobertura da vacante existente de médico na Residencia da terceira idade Nosa Señora dos Milagres, para evitar que os internos teñan que facer uso do centro de saúde da Valenzá, rebaixando a presión asistencial dos facultativos do mesmo.

-Instar ao Sergas á cobertura inmediata dos facultativos de pediatría necesarios para a realidade social do concello, con 1.400 usuarios en idade pediátrica, tanto en horario de mañá como de tarde, favorecendo así a conciliación familiar, evitando derivacións aos servizos de urxencia da capital e rebaixando o estrés laboral e a sobrecarga asistencial dos pediatras existentes.

-Dar traslado dos acordos ás administracións responsables de dar cumprimento aos mesmos.