Barbadás reforza o seu dispositivo de prevención e extinción de incendios forestais

O Concello de Barbadás vén de reforzar os seus medios humanos e técnicos para facer fronte á tempada de alto risco de incendios forestais. O concelleiro de Emerxencias, Dani Rey, xunto co alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, e a tenente de alcalde, Victoria Morenza, visitaron a base do servizo de emerxencias coincidindo coa primeira xornada de formación do novo equipo.
O dispositivo está composto por unha xefa de brigada, un peón condutor, tres peóns forestais e dous condutores de autobomba. A este equipo súmase un peón de prevención contratado a través do plan APROL Rural, centrado en tarefas de prevención, consideradas a parte máis importante do operativo.
Todos os efectivos estarán integrados na Concellería de Emerxencias e traballarán de forma coordinada co Distrito XII, así como co persoal municipal de emerxencias e Protección Civil.
Os traballos de prevención inclúen rozas manuais e mecánicas en camiños incluídos no Plan de Actuacións Preventivas da Xunta de Galicia, cun total de 9 hectáreas, ademais de inspeccións para garantir a correcta xestión da biomasa nas parcelas situadas nas faixas secundarias.
No relativo á extinción, o Concello contará coa intervención das brigadas municipais, o Servizo de Incendios Forestais (SIF) da Xunta e a colaboración cos concellos da contorna.