Barbadás remata a primeira fase da rehabilitación do local social de Sobrado do Bispo

O Concello de Barbadás vén de finalizar a primeira gran intervención no proceso de rehabilitación do local social de Sobrado do Bispo, un espazo que se recupera para o uso comunitario cun claro enfoque social, educativo e cultural.
Segundo explicou o alcalde Xosé Carlos Valcárcel, esta actuación insírese na aposta municipal por poñer en valor inmobles emblemáticos do concello, dotándoos de novas funcións ao servizo da veciñanza.
O local converterase nun lugar de encontro e dinamización veciñal, con múltiples posibilidades: dende actividades culturais ata ensaios musicais, como os que realiza a Coral Voces e Cordas. A tenente de alcalde, Victoria Morenza, destacou que o edificio foi acondicionado con criterios de confort e accesibilidade, incluíndo unha entrada adaptada, unha boa iluminación, baños renovados e un sistema de insonorización que garante a calidade acústica das actividades.
A actuación completarase coa instalación dunha soleira ventilada e un novo chan de madeira, co obxectivo de rematar a posta a punto deste espazo que aspira a ser referente de vida comunitaria en Sobrado do Bispo.