Barrocás celebrará as súas festas do 10 ao 13 de abril con verbenas, actividades infantís e música en directo

O barrio ourensán de Barrocás acollerá entre o 10 e o 13 de abril de 2026 unha nova edición das súas festas, cun programa que combina música, actividades para todos os públicos e propostas infantís ao longo de catro xornadas.
A programación arrincará o venres 10 de abril ás 23:00 horas coa Festa da Xuventude, que contará coa actuación de A Gramola (Tour Live 360). O sábado 11 de abril, a xornada culminará cunha verbena ás 23:45 horas a cargo de El Combo Dominicano, seguida da actuación de A Gramola ao rematar.
O domingo 12 de abril estará dedicado aos máis pequenos e á música. Ás 16:00 horas celebrarase unha festa infantil na rúa Chano Piñeiro, mentres que ás 19:00 horas terá lugar unha sesión musical con versións dos anos 80 e 90 da man de La Banda de Ayer.
As festas pecharanse o luns 13 de abril co tradicional Día do Neno, que ofrecerá prezos especiais nas atraccións instaladas na zona.
Con motivo da celebración, a Policía Local de Ourense informou de varias restricións de tráfico. A rúa José Antonio Nieves Conde permanecerá cortada desde as 19:00 horas do mércores 8 de abril ata a retirada das atraccións, prevista para o martes pola mañá, entre a rúa Serra de San Mamede e a glorieta de Carlos Velo.
Así mesmo, a rúa Chano Piñeiro estará cortada ao tráfico os días 10 e 11 de abril desde as 20:00 horas, permitíndose o acceso a garaxes ata as 22:00 e as 22:30 horas, respectivamente. O domingo 12, o corte prolongarase desde as 18:30 ata as 22:00 horas, unha vez finalizada a verbena, co acceso igualmente permitido aos garaxes.