O BNG alerta do risco para a saúde pública da planta de biogás proxectada en Xunqueira de Ambía

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Sonia Vidal, denunciou no Parlameto a falta de normativa específica para regular o uso do dixestato, un residuo derivado da planta de biometano proxectada en Xunqueira de Ambía, que tratará 166.000 toneladas de residuos contaminantes ao ano.
Vidal subliñou que "hai un baleiro legal escandaloso: non hai normativa galega, estatal nin europea que regule o uso do dixestato", e criticou que o Plan de Residuos de Galicia (PRIGA) "non establece unha distancia mínima obrigatoria a vivendas", o que permite que a planta se sitúe "a só 100 metros das casas". Para a deputada, isto "non é planificación, non é protección da saúde pública".
O proxecto xerou unha gran mobilización, con preto de 2.000 alegacións presentadas e unha moción unánime da Deputación de Ourense —incluíndo o apoio do PP— que solicita a paralización da planta, a ampliación dos prazos para alegar e a creación dunha normativa concreta.
Respecto á postura do alcalde de Xunqueira de Ambía, Vidal acusouno de emitir "bandos despectivos, intimidatorios e cheos de falsidades" para "tapar con ruído o evidente", vinculando esta actitude a supostos "intereses empresariais vinculados ao transporte urbano de Ourense".
Sobre a reapertura do prazo para alegacións, o BNG a cualificou como resultado da presión social e institucional, e esixiu que as 2.000 alegacións xa presentadas sexan tidas en conta.
A deputada rematou facendo un chamamento á responsabilidade: "Gobernar non é protexer aos seus, señora conselleira. É protexer á xente. O que está en xogo é a credibilidade da Xunta como garante do interese público no medio rural".