BNG e PSOE celebran a sentenza que anula o tanatorio da Chavasqueira
O 29 de setembro de 2022 a Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense, concedía Licenza de obra e de actividade para proxecto básico e de execución de construción dun Tanatorio na rúa do Tinteiro número 2 á empresa Albia Gestion de Servicio, S.L. Naquel momento, o Grupo municipal do BNG presentou un recurso de reposición ao entender que dita licenza “non se axustaba ao establecido no planeamento urbanístico actualmente en vigor para ese ámbito concreto”.
Os nacionalistas facían fincapé no feito de que “o lugar onde se pretendía situar o tanatorio para o que foi concedida a licenza encádrase no PXOM de Ourense dentro do sector urbano 31 (SU-31). Sinala o PXOM, en canto ás condicións de uso para este sector que as mesmas se axustarán ao cadro de usos permitidos e prohibidos que figuren no anexo correspondente” e engadían, “no que respecta ás condicións de uso deste sector 31 reguladas no apartado 3.2 da normativa establécense como usos prohibidos o funerario nas categorías 2ª, 3ª, 4ª, 5ª e 6ª, é dicir, só estaría permitido a categoría 1ª correspondente a velorio”.
Así mesmo, desde o BNG argumentábase en dito recurso que “establecido o anterior, o solo onde se pretende situar o tanatorio na súa regulación establece a prohibición de destinalo a tanatorio, no entanto os informes técnicos nada mencionan a este respecto, acudindo á ordenanza onde si se permitiría o uso para tanatorio, pero sendo esta regulación segundo o propio PXOM de carácter supletorio, polo que existindo unha prohibición na norma principal, a licenza outorgada é nula de pleno dereito ao contravir a regulación establecida no PXOM”.
Diante desta situación, a formación nacionalista solicitáballe ao Goberno Local “que en base as alegacións expostas, sexa ditada resolución pola que se declare a licenza concedida para proxecto básico e de execución de construción de tanatorio na rúa do Tinteiro 2, nula de pleno dereito ao non axustarse ao establecido no PXOM”.
Dito recurso, ao igual que o presentado pola Asociación veciñal da Chavasqueira, foi no seu día desestimado polo Goberno Local mais no día de onte, coñeceuse a sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense no que se anula a licenza concedida polo Concello de Ourense ao entender que a mesma non procede ao estar prohibido nese ámbito urbanístico o uso que a licenza outorga.
Desde o Grupo municipal do BNG, a través do seu Portavoz Luís Seara, amosan a súa satisfacción ao entender que “a xustiza recolle todos os argumentos esgrimidos por nós no seu día, o que significa que estabamos no certo á hora de considerar ilegal a concesión de dita licenza”, e engade, “estamos a falar dunha zona especialmente sensible e onde a execución de proxectos vinculados ao termalismo teñen que ter prioridade sobre calquera outro pois estamos a falar dunha zona de desenvolvemento eminentemente termal, algo que non di o BNG senón que tal e como ben de recoñecer a xustiza, figura no propio PXOM actualmente en vigor”.
Os socialistas instan ao Concello a sacar adiante un PXOM
Dende o grupo municipal socialista sinalan que xa antes (no mes de marzo) de que se concedera dito permiso pediron ao executivo de PP e DO que informase a oposición e veciñanza da zona sobre as obras que se pretendían levar a cabo. E lembran que, ante as protestas e o descontento dos e das ourensás, o alcalde chegou a comprometerse con trasladar o proxecto a outro espazo da cidade.
Os socialistas critican a opacidade ante a escasa información aportada e que o Concello de Ourense continúe sumando dictámenes xudiciais que danan a súa imaxe institucional, máis aló dos gastos económicos. Todo elo, ademais, tendo en conta que, no ano 2010, se paralizou a construción do tanatorio mentres gobernaba o PSdeG porque consideraban que esta proposta tiña varios inconvintes entre os que se atopaban o tráfico que se xeraría na súa contorna, a difícil accesibilidade, así como a non adecuación para o futuro desenvolvemento urbano e termal da área da Chavasqueira.
“Daquelas, o propio Partido Popular manifestaba tamén que o máis axeitado era ubicar un equipamento de sanatorio-crematorio nas inmediacións do cemiterio de Santa Mariña do Monte”, lembran dende o grupo municipal. Entenden, nesta liña, que a sentenza, na que se recolle que a parcela só se podería destinar a velatorio e non a tanatorio da a razón ás e aos socialistas cando propuxeron trasladar o proxecto a outros posibles puntos da cidade.
Así as cousas, dende o grupo municipal socialista instan, de novo, ao executivo de Democracia Orensana a poñerse a traballar para que tanto a veciñanza como o turismo poida desfrutar dos recursos termais da cidade e para sacar adiante un PXOM –paralizado hai anos– legal, sostible e de futuro e que a cidade non continúe máis tempo sumida na parálise e no caos administrativo herdada xa da época na que Manuel Cabezas era alcalde e que continúa vixente na actualidade.