BNG e PSOE rexeitan as patrullas veciñais e piden prudencia ante a infiltración de grupos de ultradereita

Veciños dos barrios da Ponte, O Pino e O Vinteún, na cidade de Ourense, comezaron a organizar patrullas cidadás e chats veciñais para facer fronte ao aumento da delincuencia que, segundo denuncian, sofren desde hai anos. A situación xerou unha crecente alarma social e unha reacción inmediata por parte das institucións e partidos políticos, que apelan á calma, á legalidade e á coordinación institucional para evitar unha escalada de tensión.
Os barrios afectados levan anos sumidos nun deterioro progresivo e unha maior conflictividade. Os grupos veciñais foron infiltrados por colectivos ultras que utilizaron estes canais para difundir discursos de odio, con mensaxes racistas e xenófobas, e incluso coa participación de persoas desprazadas desde Madrid, segundo advertiron fontes políticas.
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, trasladou esta semana ás asociacións de veciños da Ponte, O Pino e O Vinteún “o enorme esforzo” que fai a Policía Nacional por manter a seguridade nos seus barrios da cidade de Ourense, con dispositivos especiais de vixilancia. Fíxoo durante un encontro con representantes veciñais celebrado na sede da Subdelegación do Goberno para analizar a situación da seguridade cidadá.
O PSOE APUNTA AO CONCELLO E PIDE PRUDENCIA ENTRE OS VECIÑOS
Desde o PSOE, a portavoz municipal Natalia González Benéitez destacou a implicación do seu grupo neste problema desde o inicio. “Dende hai case dous anos coñecemos de primeira man a preocupación veciñal polo repunte de incidencias nos barrios de A Ponte, O Vinteún e O Pino, ao estar contacto directo e permanente coa veciñanza e coas entidades e colectivos que os representan dende o Grupo Municipal Socialista e por parte dos representantes do partido no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados”, sinala González.
“As e os socialistas apelamos á confianza, responsabilidade e colaboración institucional en materia de seguridade en Ourense, pero tamén á prudencia da cidadanía, dos medios de comunicación e os partidos políticos ante unha problemática que hai que afrontar entre todos e todas e evitar que se xere unha alarma social que dane os nosos barrios e que abra as portas de Ourense ao extremismo, o odio e a violencia contra as persoas máis vulnerables da nosa cidade” subliñou a voceira socialista.
González Benéitez insistiu en que a situación require máis que unha resposta policial, e recoñece que “a preocupación e incomodidade da veciñanza é normal e xustificada e a problemática vai máis aló dunha cuestión de control, vixianza e seguridade por parte das administracións e require unha intervención social colectiva, na que o Concello de Ourense debe e ten que ter un papel fundamental”
“É imprescindible unha estratexia municipal que aborde a situación de senfogarismo na cidade e a reactivación de programas e servizos de promoción da saúde e prevención de adiccións municipais”, así o esiximos no pleno de maio deste ano no Concello de Ourense” afirma Natalia G. Benéitez e engade “despois de anos de desmantelamento dos servizos sociais municipais por parte do goberno de Jácome e Democracia Orensana. O goberno nin está nin se lle espera neste ámbito. Anteriormente xa, promovemos no pleno de setembro de 2024 unha iniciativa para abordar esta problemática dunha maneira específica a través da Xunta Local de Seguridade, onde se atopan representadas todas as institucións competentes nesta materia, ademais de implementar a súa coordinación, vixianza e actuacións nestas zonas e outros barrios de Ourense”.
“Por outra banda, e directamente relacionado con isto”, di a voceira, “advertiamos o que vimos denunciando nos últimos anos tamén na cidade: o abandono total dos nosos barrios e os seus servizos básicos, que contribúen a incrementar esa preocupación e sensación de inseguridade da veciñanza no seu día a día”.
“Por este motivo, esixiamos ao goberno de Jácome melloras no servizo de limpeza, desbroce, iluminación e servizos básicos nos barrios da cidade, melloras que ata hoxe seguimos a agardar por desgraza.”
A voceira é contundente respecto ás patrullas veciñais: “Finalmente, rexeitamos e condeamos calquera tipo de organización cidadá que pretenda facer xustiza pola súa conta, ou suplantar as forzas e corpos de seguridade, xa que soamente son o soporte de perigosos grupos de extrema dereita que incitan á violencia e ao odio tanto nas redes coma nas rúas e cuxo perigo e actuacións vulneran a lei e os dereitos fundamentais das persoas.” remata contundente a voceira do Grupo Municipal Socialista.
O BNG SINALA O ABANDONO DOS SERVIZOS SOCIAIS POR PARTE DO CONCELLO COMO PARTE DO PROBLEMA
O voceiro do BNG en Ourense, Luís Seara, tamén se pronunciou con claridade, tamén se mostrou claro ao recoñecer o crecente clima de inseguridade que se vive nestes barrios, pero considera que as patrullas veciñais non son a solución. “Dicir en primeiro lugar que no BNG somos conscientes do clima de inseguridade que se está a vivir nestes barrios da cidade e da inquedanza e o desasosego que está a xerar na veciñanza”.
“Ante esta situación as administracións públicas, todas elas en coordinación e cada unha en base ás súas competencias temos que dar resposta á chamada e ás peticións de solucións que reclama a veciñanza sendo en todo caso as forzas e corpos de seguridade os encargados de aportar as solucións máis inmediatas e os encargados de garantir a seguridade”.
Seara é contundente ao asegurar que as patrullas veciñais non son a solución. “Non lle corresponde á veciñanza exercer ese papel e porque estamos vendo con moitísima preocupación como están sendo empregadas por grupos ultras de extrema dereita, con persoas vidas incluso desde Madrid, para difundir as súas mensaxes de odio, de racismo e de xenofobia, incitando claramente á violencia con comentarios nas redes que son absolutamente deleznables e mesmo delictivos”.
Ademais, denuncia o abandono dos servizos sociais por parte do Concello como parte fundamental do problema. “Temos un Concello que desmantelou os Servizos Sociais e con iso boa parte de todos os programas vinculados a tratar a drogodependencia, o senfogarismo alén doutras problemáticas diante das que non se está a facer absolutamente nada e que favorecen que determinadas persoas se atopen totalmente soas e sen ningún soporte a que poder acudir ou aferrarse para saír desta situación”.