Bombeiros de Países Baixos coñecen en Toén o modelo galego contra incendios

OurenseXa
O Centro Integral de Loita contra o Lume (CILL) acolle unha estadía formativa dentro do Mecanismo Europeo de Protección Civil
forestais-toen
22 Jul 2025

O Centro Integral de Loita contra o Lume (CILL), situado no concello ourensán de Toén, acolle estes días a unha vintena de bombeiros dos Países Baixos que participan nunha estadía formativa dentro do Mecanismo Europeo de Protección Civil. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu á recepción oficial dos participantes, acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; e o alcalde de Toén, Ricardo González.

Durante o acto, María José Gómez destacou “o potencial e profesionalidade do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) de Galicia, que é unha referencia para outros profesionais doutras comunidades autónomas e países”. A conselleira subliñou que accións coma esta “teñen que facernos sentir orgullosos do noso dispositivo de prevención e extinción de incendios”.

Esta é a primeira visita dunha delegación neerlandesa, pero non será a única: na primeira quincena de agosto está previsto que chegue un segundo grupo de bombeiros dos Países Baixos, seguido por outra expedición de Estonia na segunda metade do mes e, xa en setembro, por profesionais do País Vasco. Con estas estadías, serán un total de 60 os bombeiros europeos que coñecerán de primeira man os métodos, procedementos e ferramentas utilizados polo SPIF galego.

O programa formativo combina contidos teóricos e prácticos e ten lugar nun centro que a conselleira quere converter “nun referente no eido da cooperación internacional”, poñéndoo a disposición de profesionais de toda Europa.

A aposta pola formación continúa sendo unha das liñas prioritarias da Consellería do Medio Rural. María José Gómez salientou que esta é “clave para poder responder ante os lumes forestais do xeito organizado e eficaz”. Neste sentido, o Goberno galego destinará preto de 1,8 millóns de euros no bienio 2025-2026 para a formación e adestramento do SPIF, un 19 % máis que no período anterior, co obxectivo de consolidar un “dispositivo público, versátil e eficaz”.

⚙ Configurar cookies
0.16034293174744