Bota a andar a XVII Semana das Maiores de Allariz

O Concello de Allariz, a través da Concellería de Benestar Social, pon en marcha este mes de outubro a XVII edición das Semanas das Maiores, unha iniciativa que reivindica o papel fundamental das persoas maiores na sociedade.
Cada 1 de outubro, coincidindo co Día Internacional das Persoas Maiores, o municipio suma a súa celebración para lembrar que todas e todos contan, suman e aportan valor á comunidade.
Ao longo de tres semanas desenvolveranse na vila alaricana actividades que abranguen diferentes dimensións do envellecemento activo, como cultura, saúde, memoria, lecer e convivencia, e convidaron a todos os veciños e veciñas a participar activamente, lembrando que son eles os verdadeiros protagonistas.
A programación comeza este mércores cunha andaina e xantar de convivencia, co obxectivo de compartir camiñada, conversa e mesa. O martes 7, ás 17:00 horas no Fogar dos Maiores, celebrarase o obradoiro “Transformacións ao longo da vida”, impartido pola psicóloga sanitaria Marisa Fariñas, centrado na reflexión sobre os cambios persoais, emocionais e sociais.
O venres 10 será a viaxe cultural a A Coruña, un día para gozar do patrimonio e da cultura da cidade, mentres que o mércores 15, ás 17:00 horas, terá lugar o obradoiro “Lembrar, volver a pasar polo corazón” con Getse Valenzuela, enfocado na memoria e nas vivencias compartidas.
O ciclo pecharase o venres 17, ás 19:30 horas, coa presentación do proxecto documental “Fiar e cantar”, que recolle a voz e a memoria das mulleres transmisoras da música e da poesía oral galegas.