Cachamuiña conta desde este venres cun novo parque canino

OurenseXa
Este servizo súmase a outras melloras impulsadas nesta área recreativa e natural, que estreará proximamente a nova pasarela peonil máis accesible
cachamuiña-parque-perros
Novo Parque Canino de Cachamuiña
4 Jul 2025

O espazo natural e recreativo de Cachamuiña, xestionado pola Deputación de Ourense, vén de estrear hoxe un novo servizo coa apertura do parque canino, un área pioneira con xogos, circuítos e instalacións que responden á elevada demanda dos donos de mascotas que visitan este espazo da área metropolitana de Ourense, do que diariamente desfrutan numerosas persoas para o seu tempo de lecer o facer deporte.

Este proxecto, que supuxo un investimento de 50.000 euros , trátase dunha zona cercada onde os cans poden xogar, socializar con outras mascotas e incluso e facer exercicios nunha ducia de elementos e circuítos. O parque, que tamén conta con bancos para os donos e outras zonas de descanso, abarca unha superficie de preto de 1.500 metros cadrados.

O parque canino consta dunha ducia de elementos de xogo e adestramento. Entre eles, un slalom postes que o can debe sortear en zig-zag, mellorando a súa rapidez, axilidade e concentración.

Tamén consta dun balancín para estimular a destreza e o equilibrio das mascotas e dunha empalizada para mellorar a súa estabilidade. Un túnel, pasos, valados e outros obstáculos completan as áreas de adestramento e xogo para os cans.

Ademais, hai áreas de descanso, así como fontes de auga e contedores para os residuos orgánicos. Os donos de mascotas dispoñen de bancos e áreas de descanso.

O novo parque canino súmase a outras melloras impulsadas neste gran pulmón verde de Cachamuíña, que xestiona a Deputación de Ourense. Así, en próximas semanas prevese que sexa instalada a nova pasarela peonil que comunicará ambos lados do encoro, unha estrutura metálica prefabricada máis accesible para o tránsito de peóns e bicicletas, suprimindo as anteriores barreiras arquitectónicas. Aproveitando estes traballos habilitarase un novo tramo do sendeiro no encoro
Ademais, o parque infantil ampliarase para dotalo de xogos inclusivos e outras melloras para as familias.

A Deputación de Ourense, no seu obxectivo de ofrecer máis servizos de esparexemento nun espazo moi empregado polos veciños da cidade e da área metropolitana, xa executou con anterioridade outros proxectos como o propio parque infantil, de calistenia e biosaudable; o parque da Igualdade; un novo aparcadoiro; e mailo espazo cedido pola Fundación CumLaude para engadir o ámbito artístico a esta gran área.

⚙ Configurar cookies
0.14301800727844