Cachamuíña estrea unha nova pasarela totalmente accesible

OurenseXa
A nova estructura, cun investimento de máis de 320.000 euros, está deseñada para integrarse no medio natural e inclúe un miradoiro
inugurción-psarelaa-caachmuiña
Inauguración da nova pasarela de Cachamuíña
1 Aug 2025

A Deputación de Ourense continúa coas actuacións de posta en valor da contorna natural de Cachamuiña, no concello do Pereiro de Aguiar, coa incorporación dunha nova pasarela peonil sobre o río Loña. A estrutura, xa en servizo, mellora a accesibilidade e a seguridade dunha zona moi transitada por veciñanza e visitantes.

O presidente da Deputación, Luis Menor, desprazouse esta mañá ao lugar para supervisar a nova instalación, acompañado por técnicos da institución provincial e representantes municipais. Durante a visita, destacou o impacto positivo da actuación: “á plena accesibilidade dos milleiros de persoas que cada ano fan uso desta contorna”. Tamén lembrou que “hoxe é un día importante para a área metropolitana de Ourense, onde nun radio aproximado de 15 quilómetros residen máis de 130.000 persoas, a metade da poboación da provincia e que demanda este tipo de espazos”. Menor cualificou Cachamuiña como un auténtico “refuxio climático”.

A nova pasarela, cun investimento de máis de 320.000 euros, está situada na zona final do encoro e substitúe unha ponte anterior xa deteriorada, que requiría intervencións constantes. A estrutura, de metal prefabricado, está deseñada para integrarse no medio natural e inclúe un miradoiro, permitindo así unha experiencia máis segura e cómoda tanto para peóns como ciclistas.
Este novo paso forma parte dunha ampliación do sendeiro que circunda o encoro, un itinerario duns catro quilómetros que, grazas á eliminación de barreiras arquitectónicas, resulta agora máis accesible para todos os públicos.

Xunto a esta actuación, a Deputación leva a cabo outras melloras complementarias que suman un investimento global superior aos 560.000 euros. Entre as intervencións recentes, destaca a creación dun parque canino con elementos de xogo e circuítos de adestramento, en funcionamento desde hai un mes. Tamén está prevista a mellora do parque infantil coa instalación de xogos inclusivos.

Ás iniciativas públicas súmanse outras xa executadas, como o parque de calistenia e biosaludable, o parque da Igualdade, un novo aparcadoiro en terreos cedidos pola Comunidade de Montes da Chaira, e a incorporación dun espazo de 17.000 metros cadrados facilitado pola Fundación CumLaude co obxectivo de integrar propostas artísticas neste entorno. Ademais, na zona están xurdindo proxectos turísticos impulsados por iniciativa privada, que reforzan o carácter multifuncional deste espazo recreativo.

⚙ Configurar cookies
0.16789102554321