Cachamuiña estreará nova pasarela nos próximos días para mellorar a accesibilidade do encoro

O alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor, vén de anunciar a recta final das obras da nova pasarela do encoro de Cachamuiña, unha infraestrutura moi demandada polos numerosos usuarios deste espazo de lecer. “En poucos días estará plenamente operativa. Un gran avance para a mobilidade accesible no encoro”, destacou.
Os traballos, que supoñen un investimento superior aos 300.000 euros, permitirán eliminar as barreiras existentes e mellorar o percorrido circular de 4 quilómetros que rodea o encoro. Ata o de agora, o mal estado da pasarela dificultaba —e mesmo impedía— o seu uso diario, sobre todo para persoas con mobilidade reducida.
Ao mesmo tempo, o espazo natural e recreativo de Cachamuiña, xestionado pola Deputación de Ourense, incorporou un novo servizo: a apertura dun parque canino, que responde á elevada demanda dos propietarios de mascotas da área metropolitana. Trátase dunha área pioneira de preto de 1.500 metros cadrados, equipada con xogos, circuítos e zonas de descanso, tanto para os animais como para os seus donos.
O parque canino contou cun investimento de 50.000 euros e está completamente cercado para garantir a seguridade. Dispón dunha ducia de elementos de adestramento como un slalom de postes, balancín, empalizada, túnel, pasos e valados. Estes dispositivos contribúen a mellorar a rapidez, axilidade, equilibrio e estabilidade das mascotas.
A instalación complétase con bancos para os donos, áreas de descanso, fontes de auga e contedores específicos para residuos orgánicos. Un novo recurso que complementa a oferta de lecer ao redor do encoro, consolidando Cachamuiña como un espazo de referencia para o deporte, o paseo e a convivencia coa natureza.