Cándido Pazó presenta este xoves en Celanova o libro 'O proceso. Apaga o candil'

A Casa dos Poetas de Celanova acollerá o xoves, 13 de novembro de 2025, ás 19.30 horas, a presentación de O proceso. Apaga o candil, a nova publicación de Cándido Pazó editada por Galaxia.
No acto participarán o propio autor, acompañado por Xesús Alonso Montero, catedrático e autor do prólogo, o actor Xoque Cadaval, protagonista da peza O proceso, e Antonio Piñeiro Feijoo, secretario da Fundación Curros Enríquez.
Segundo destaca a editorial Galaxia, O proceso “recrea a causa xudicial á que foi sometido Curros Enríquez pola publicación de Aires da miña terra”, mentres que Apaga o candil “retrata a atribulada vida e divertida obra de Carlos O Xestal”.
As dúas pezas teatrais, reunidas nun mesmo volume, amosan, en palabras da editorial, o vínculo que une a Curros e O Xestal. Curros, explican, “teceu moito do seu universo poético a partir de historias, lendas e ditos que corrían de boca en boca, elevando eses humildes materiais á categoría de escrita fundacional”, mentres que O Xestal “deu pulo e continuidade a unha oralidade herdada, sendo el mesmo, no seu oficio de conteiro, axente vivo de literatura oral”.
A presentación servirá así para celebrar dúas figuras que, segundo sinala Galaxia, “ricos personaxes teatrais que, de seguro, gustarían da súa recíproca compaña”.