Carolina Rodríguez, Conselleira delegada de Enisa: “Ourense ten un inmenso potencial turístico”

OurenseXa
A ourensá Carolina Rodríguez está á fronte de Enisa desde xullo de 2025, converténdose na segunda muller na historia da entidade en ocupar o cargo de Conselleira delegada, cun compromiso firme por impulsar a innovación e o emprendemento
carolina-rodriguez-enisa
Actualizada el 15 diciembre 2025, 12:16 horas
14 Dec 2025

Desde xullo de 2025, a ourensá Carolina Rodríguez está á fronte de Enisa, a empresa pública adicada á financiación de proxectos empresariais viables e innovadores de pemes. A súa traxectoria profesional reflicte tanto a súa orixe como o seu compromiso co desenvolvemento empresarial e o emprendemento en España.

Aínda que naceu en Francia, é filla de emigrantes galegos, criouse en Galicia e estudou Dereito na Universidade de Vigo, no campus de Ourense. Tras finalizar a súa carreira, Carolina obtivo unha beca de Comercio Exterior concedida pola Xunta de Galicia a través do IGAPE, que a levou a traballar na Oficina Económica e Comercial de España en Rabat.

Posteriormente, Carolina trasladouse ao outro lado do proceso, adicándose a atraer investimento estranxeiro a España. Cinco anos despois, en 2013, incorporouse a ENISA, desde onde vinculouse ao mundo das startups, o emprendemento e o apoio a pemes innovadoras. En Enisa, destaca Carolina, a diferenza fundamental é que, en lugar de ofrecer servizos, proporciona financiación directa a empresas, unha labor que ela mesma describe como “moi ilusionante e chea de enerxía”.

A súa carreira deu un novo xiro en 2020 cando o Goberno creou o Alto Comisionado para España Nación Emprendedora, un proxecto impulsado desde Presidencia para posicionar o emprendemento como unha prioridade nacional e xerar unha estratexia que involucrara a todos os sectores: público, privado e cidadanía. Carolina formou parte activa desta iniciativa, promovendo unha serie de medidas que tiveron un impacto enorme no ecosistema emprendedor, incluíndo a aprobación da Lei de Startups en decembro de 2022.

En febreiro de 2023, tras finalizar esta misión, regresou a ENISA e, finalmente, en xullo de 2025, cando o seu antecesor Borja Cabezón deixou a entidade para iniciar outro proxecto, Carolina asumiu a dirección de Enisa. Con máis dunha década vinculada á entidade, salvo o paréntese en Moncloa, Carolina destaca que vén “da canteira” e que agora lidera a institución acompañada dun comité de dirección e un equipo experimentado. Ademais, é a segunda muller na historia de ENISA que ocupa este cargo, un feito que valora especialmente, sobre todo porque cando entrou en 2013 xa había unha muller conselleira delegada que foi unha referencia importante para ela.

¿Que valoración farías destes meses no cargo?

Moi positiva. Viñamos desde hai meses e mesmo anos traballando en algo que viu a luz en setembro deste ano: que os fondos de Enisa non estivesen suxeitos aos ciclos orzamentarios. Antes, unha empresa que solicitaba financiamento en xaneiro podía ter que agardar meses, segundo o ciclo orzamentario, para recibir o préstamo preaprobado. Iso acabou desde setembro. A dispoñibilidade de fondos é agora continuada, sen estacionalidade. Isto é moi importante porque, ademais de maior axilidade, permite ás empresas planificarse mellor para acceder a financiamento e investimento. Así que a valoración é moi positiva porque empecei anunciando ao sector unha demanda histórica que se cumpriu.

Fai pouco volvestes a Ourense para participar no foro ULTREIA e presentar a liña que Enisa puxo en marcha para financiar startups e pemes. ¿Que nos podes contar desa experiencia?

Si, en ULTREIA Galicia presentamos Enisa en xeral. A nosa financiación está dirixida a startups e pemes, porque somos financiadores xeneralistas. O relevante é que nos sumamos a unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia para impulsar o emprendemento desde o territorio. ENISA sempre traballou moi pegada ao territorio, pero nos últimos anos puxemos moito foco en chegar alá onde haxa un bo proxecto empresarial que precise financiamento. Non queremos que ningunha boa idea en España quede sen desenvolverse por falta de recursos.

Ademais, o foro constituíuse a través dun manifesto como unha alianza en torno a un interese común: que o emprendemento sexa unha palanca de transformación dos nosos territorios, economía e sociedade. Isto é moi parecido ao que promovíamos desde o Alto Comisionado. Foi moi bonito que o evento se celebrase na Ribeira Sacra e que participasen moitas persoas de distintos ámbitos, todas cun obxectivo común. O interior de Galicia, como Ourense, necesita xerar oportunidades que fomenten o arraigo e a actividade económica, para que as persoas poidan vivir ou volver a vivir alí. Hoxe pódese emprender desde calquera lugar, e que esta iniciativa xurise desde o corazón da Ribeira Sacra ten moito significado.

¿Ten algunha peculiaridade o sistema emprendedor ou o emprendemento en Galicia?

En termos sectoriais, Galicia pode parecerse a outros territorios nacionais. Os ecosistemas de emprendemento concéntranse sobre todo nas cidades, con Vigo liderando o mapa galego, seguido por A Coruña. O interior ten unha idiosincrasia particular, similar a outras zonas de España que traballan en repoboación, creando oportunidades para quen quere vivir ou volver a vivir alí. O emprendemento rural define Galicia interior. En canto á carteira de operacións financiadas en Galicia, estamos preto dos 40 millóns de euros investidos e unhas 280 operacións. Hai moita diversidade. Por exemplo, hai moita dixitalización no sector agrario, pero tamén financiamos innovación en xeral: non só empresas de base tecnolóxica ou dixitais. Hai biotecnoloxía, saúde, tecnoloxía, pero tamén sectores máis tradicionais, como empresas de infusións.

Así que non diría que o emprendemento en Galicia teña unha característica moi peculiar, porque estas características as atopamos noutros territorios. Máis ben, a particularidade é do territorio en si. Ademais, hai un efecto retorno interesante, moitas persoas que viviron en Madrid, Barcelona ou fóra de España, profesionais con carreira, deciden volver a Galicia. Os galegos sempre quixemos retornar á nosa terra, e iso ten moito valor. Iso si que pode ser algo tipicamente galego, que quen xa teñen unha traxectoria profesional queiran volver ás súas raíces, como repetindo a historia dos seus pais e avós emigrantes que tamén querían volver. É como unha historia que se repite.

¿Que valoración farías do sector en Galicia en xeral e, máis concretamente, na provincia de Ourense?

Galicia está en moi boa posición respecto á financiación que ENISA destina a empresas. Ocupa a sexta posición no ranking nacional de comunidades autónomas en volume de investimento. Ourense, sen embargo, non é a principal provincia en número de operacións, está case ao final xunto con Lugo. Isto débese a que outras provincias teñen máis actividade empresarial que acode a ENISA, non a que a provincia non teña actividade empresarial, que a ten.

¿Cales son os sectores que amosan máis crecemento?

En Ourense, en termos absolutos, as operacións non son moitas, polo que é difícil falar dunha tendencia clara. Temos 12 operacións por 1,4 millóns de euros, que é relativamente pouco no contexto rexional. Hai moita diversidade, pero con tan poucos proxectos falar de tendencia é relativo. Por exemplo, financiamos Redegal, pero tamén Aira das Letras, en Allariz, que é un caso que me gusta moito. Financiámola hai anos, o préstamo xa está devolto. É un exemplo que mostra que non só financiamos empresas tecnolóxicas ou dixitais, senón que a innovación tamén pode estar noutros ámbitos variados, como é o caso desta libraría que está especializada en literatura infantil en galego.

¿Hai potencial na provincia de Ourense?

Por suposto. Non todos os proxectos empresariais que se xeran en Ourense teñen que acudir a Enisa, pero vimos no encontro do venres moitos proxectos alucinantes que xorden desde pobos e vilas e que prefiren establecerse noutros lugares da provincia. Ourense ten un inmenso potencial turístico. A chegada do AVE foi importante e aínda nos estamos adaptando á chegada de visitantes. Ademais, a Ribeira Sacra é un territorio con adegas moi interesantes, algunhas financiadas por ENISA. Hai que destacar ademais que das cinco denominacións de orixe de viño de Galicia, tres son ourensás. Tamén Ourense recibiu recoñecemento gastronómico recente, con tres restaurantes con Estrela Michelin.

Estamos moi ben posicionados en turismo de saúde, gastronomía, viño e lecer. O potencial é enorme porque cada vez máis a cidadanía busca experiencias, e Ourense pode ofrecelas a un nivel de calidade moi alto. Ademais, como ocorre tamén con Lugo, hai un gran potencial agroalimentario e no sector primario. O que vemos agora é que os propios emprendedores xa están promovendo estas ofertas vinculadas ao territorio. En encontros como Ultreia coñecemos a moita xente que impulsa proxectos desde Ourense. Ademais, hai un bo traballo de fundacións que apoian o emprendemento e a xeración de proxectos empresariais, o cal paréceme marabilloso. Os que somos de Ourense sabemos que as idiosincrasias non son fáciles, pero cando saímos e vemos outros lugares, decatámonos do potencial enorme que ten Ourense. Hai moito por facer, pero imos por bo camiño.

Se un emprendedor que está a pensar en montar un proxecto, ¿como lle pode axudar ENISA?

ENISA pode axudar a emprendedores que xa teñan a empresa constituída. Díxolles que, na súa planificación e no plan de negocio, cando calculen a inversión necesaria, pensen en Enisa como un aliado para complementar os recursos do proxecto. Somos un compañeiro de viaxe que pode encaixar moi ben. Toda a información está en enisa.es e estamos encantados de atendelos. Ademais, en calquera evento de emprendemento en Galicia estamos presentes, así que poden vernos fisicamente.

⚙ Configurar cookies
0.080075979232788