Castro de Beiro celebra o 11 de novembro o Magosto asociativo máis antigo de Ourense

OurenseXa
O Magosto Cultural, que alcanza este ano a súa 42ª edición, inclúe música, gastronomía e unha programación especial de actividades ata finais de mes
presentacion-magosto-castro-de-beiro
Presentación do Magosto de Castro de Beiro
6 Nov 2025

O barrio ourensán de Castro de Beiro celebrará o vindeiro martes, 11 de novembro, a 42ª edición do seu Magosto Cultural, considerado o magosto asociativo máis lonxevo da cidade. A festa, organizada pola Asociación Cultural e Veciñal de Castro de Beiro, mantén viva unha tradición iniciada en 1983 e só interrompida durante a pandemia.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu esta mañá no salón de plenos do Concello ao equipo organizador do evento, que presentou o programa de actividades baixo o lema “Antes ca nós ninguén”.

A cita do día 11 ofrecerá dúas modalidades, por un lado o Magosto tradicional, no que os participantes poderán levar a súa propia comida, e por outro o Magosto alternativo, cun menú composto por polbo para dúas persoas, churrasco, chourizo, crioulo, pan, viño, auga, sobremesa, café e castañas, por un prezo de 18 euros, previa inscrición. A xornada completarase coa actuación musical do grupo Os Afinantes, sorteos e unha homenaxe a un colaborador destacado da festa.

O programa do Magosto Cultural prolongarase ata o 30 de novembro, con actividades culturais e sociais que inclúen charlas de actualidade, proxeccións de cine e unha homenaxe á Banda de Gaitas de Castro de Beiro. A clausura coincidirá coa celebración de San Andrés, patrón da localidade, e contará cun encontro veciñal acompañado dun viño galego.
A iniciativa conta co apoio do Concello de Ourense, a Deputación Provincial e a colaboración da Agrupación de Asociacións Veciñais e da Periferia Miño, consolidándose como unha das citas máis emblemáticas do outono ourensán.

⚙ Configurar cookies
0.071377992630005