CCOO convoca unha concentración en Ourense polo 25N

CCOO presentou este luns a súa campaña con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, baixo o lema “TÓCANOS”. A organización sindical anunciou unha mobilización cunha mascarada que terá lugar ás 10:30 horas diante da Subdelegación do Goberno.
CCOO alerta do risco de retrocesos na igualdade debido ao avance de discursos negacionistas e reforza o seu compromiso na loita contra as violencias machistas, especialmente no ámbito laboral. Segundo o sindicato, os centros de traballo son espazos “particularmente sensibles” pola obrigatoriedade da presenza e a existencia de xerarquías que poden favorecer situacións de acoso ou violencia contra as mulleres. Por iso, destacan a importancia do sindicato como axente fundamental para a detección, acompañamento e prevención da violencia de xénero no traballo.
Ademais, CCOO denuncia que a dereita e ultradereita buscan reinstaurar antigas xerarquías familiares que incrementan a dependencia económica das mulleres, aumentando así o risco de violencia, o que supón “un salto atrás de consecuencias moi graves”.
Desde o sindicato sinalan que as cifras oficiais evidencian a gravidade do problema, con 544 denuncias diarias por violencia de xénero, 39 mulleres asasinadas en 2025 polas súas parellas ou exparellas, 17 menores orfos e 3 menores asasinados, ademais de 14 denuncias diarias por violación. Ademais, critican a privatización do sistema de pulseiras telemáticas para maltratadores e consideran “inconcebible que a vida das mulleres estea en mans dunha empresa privada”.
A mobilización deste 25-N busca visibilizar a loita contra a violencia machista e reforzar a necesidade de políticas efectivas que garantan a igualdade e a protección das mulleres.