CCOO e UGT chaman aos traballadores ourensáns a sumarse aos paros en repulsa polo xenocidio en Palestina

OurenseXa
Os paros convocaranse en diferentes quendas: de mañá, entre as 10:00 e as 12:00 horas, de tarde, entre as 17:00 e as 19:00 horas, e de noite, entre as 02:00 e as 04:00 horas
bandera-palestina
14 Oct 2025

As organizacións sindicais CCOO e UGT fixeron un chamamento á clase traballadora de Ourense para secundar paros de dúas por quenda en todos os centros de traballo do país o próximo 15 de outubro, en repulsa polo xenocidio contra o pobo palestino.

Segundo sinalan os sindicatos, “o sindicalismo de clase galego e mundial non pode ollar cara outro lado ante o drama que padece Palestina, porque incluso se están pondo en risco os nosos dereitos”. Engaden que é un “deber moral e pura humanidade erguer a nosa voz contra o horror que se esta producindo”, e denuncian a morte e ferimentos continuos de nenos e adultos, así como a destrución de hospitais, escolas e fogares.

Os paros convocaranse en diferentes quendas: de mañá, entre as 10:00 e as 12:00 horas, de tarde, entre as 17:00 e as 19:00 horas, e de noite, entre as 02:00 e as 04:00 horas.

Ademais, durante a xornada celebrarase un acto coincidindo co paro da mañá na Praza Maior, entre as 10:30 e as 11:30 horas, e outro na explanada do CHUO coincidindo co paro da tarde, entre as 17:30 e as 18:30 horas. Os sindicatos convidan a asistir tanto á clase traballadora como a toda a cidadanía.

Con esta convocatoria, CCOO e UGT buscan dar visibilidade á situación en Palestina e expresar o rexeitamento ao conflito, facendo un chamamento á solidariedade e á participación cidadá.

Ademais, ás 19:00 horas está convocada unha gran manifestación polo centro da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.073623895645142