Celanova acollerá a exposición 'Auga. O sangue da terra'
ABANCA, Afundación e o Concello de Celanova asinan este martes, no Concello de Celanova, un convenio de colaboración cultural mediante o que as tres entidades desenvolverán a exposición 'Auga. O sangue da terra', obra do fotógrafo Manuel Valcárcel.
A exposición «Auga. O sangue da terra» realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama e outros próximos, como a cunca do lugués río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a importancia da auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia dela nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas. Esta mostra, de entrada libre e gratuíta, inaugurarase o vindeiro 7 de xuño na Sala de Exposicións da Casa dos Poetas de Celanova, onde se poderá visitar ata o 6 de xullo, de martes a venres en horario de 10.00 a 14.00 h e de 16.00 a 19.00 h e os sábados de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas.
Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.