Celanova acollerá a mediados de maio a exposición ‘Arte en tinta’

OurenseXa
Estará dispoñible entre o 14 de maio e o 18 de xuño grazas a un acordo de colaboración entre o Concello e Afundación
convenio-clanova-afundacion
10 May 2025

ABANCA, Afundación e o Concello de Celanova asinaron esta mañá un convenio de colaboración cultural mediante o cal as tres entidades levarán a cabo a exposición Arte en tinta, que poderá visitarse desde o 14 de maio ata o 18 de xuño na Casa dos Poetas. Ao acto de sinatura asistiron o alcalde do Concello de Celanova, Antonio Puga Rodríguez; o coordinador institucional de ABANCA en Ourense, Mateo Alonso San Román; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.

Esta colaboración forma parte do proxecto Corrente cultural, que entende a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística máis alá das súas sedes e achegándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

Arte en tinta, conformada por obras da Colección de Arte Afundación, realiza un percorrido por conceptos, temas, estilos e linguaxes presentes na arte contemporánea a través de nomes destacados do panorama español e galego. O hiperrealismo de Eduardo Naranjo ou Quintana Martelo, o mundo onírico de Jorge Castillo, a delicadeza de Carmen Laffon, o equilibrio luminoso de Berta Cáccamo, a abstracción de Broto ou o volume de Chillida son algúns dos aspectos que afloran nesta mostra.

Este proxecto supón un apoio á técnica da estampación, tan descoñecida como interesante, e que foi empregada por algúns dos nomes máis importantes do noso panorama artístico para realizar traballos de gran forza expresiva. A temática das diferentes obras flúe desde o concreto ao abstracto, dos obxectos á arquitectura, dos animais ás persoas. O real, o imaxinario e o abstracto conviven nos diferentes procesos e técnicas da estampación (auga forte, auga tinta, xilografía, litografía, serigrafía, electrografía, punta seca, etc.). Estas distintas temáticas, compartindo un mesmo espazo, permiten transmitir que o énfase da exposición reside na diversidade, nas posibilidades inherentes ás técnicas da estampación e, por suposto, na liberdade creativa da arte contemporánea.

⚙ Configurar cookies
0.16992092132568