Celanova acollerá o 6 de marzo un roteiro pola vila baixo o título “Celanova: unha morea de BICs en feminino”

A Asociación de Amas de Casa Ilduara e a Asociación de Mulleres Rurais San Rosendo organizan o vindeiro venres, 6 de marzo, un roteiro baixo o lema “Celanova: unha morea de BICs en feminino” guiado pola Fundación Curros Enríquez enmarcado na celebración do Día Internacional da Muller.
A actividade desenvolverase de 16:00 a 19:00 horas e non será preciso inscribirse previamente. O percorrido incluirá visitas á Casa dos Poetas e a parte do Mosteiro de San Salvador de Celanova que se usa actualmente como dependencias municipais e centro sociocomunitario, así como explicacións sobre o traballo que desenvolven as mulleres nestes espazos.
A saída farase dende a Casa dos Poetas, onde se abordarán cuestións sobre os cinco Bens de Interese Cultural do Concello de Celanova: a Capela de San Miguel, o Mosteiro de San Salvador, a propia Casa dos Poetas, a Torre de Vilanova dos Infantes e Castromao.
Posteriormente, o persoal da Oficina de Turismo do Concello de Celanova abordará a evolución do uso das instalacións municipais, primeiro usadas polos monxes, pasando por ser escola de nenas, casino-recreo e, actualmente, dependencias do Concello.
Durante esta visita, a concelleira de igualdade, Teresa Barge, falará da presenza da muller na política local e das iniciativas destinadas a este colectivo. A seguintes paradas serán o Centro Sociocomunitario, no que a súa directora, Montserrat Sandiás, tamén explicará o uso actual desa parte das instalacións e as actividades destinadas ás mulleres da vila, e a Aula Cemit, dirixida tamén por unha muller, neste caso Laura Fernández. Para rematar, as persoas participantes poderán visitar a Torre das Campás.