Celanova celebrará o aniversario de Rosalía de Castro cun “Caldo de Gloria” na hostalería local

OurenseXa
Será o vindeiro venres, 27 de febreiro, e contará coa participación dun total de 23 establecementos
caldo-de-gloriaa-celanova-2026
21 Feb 2026

Celanova súmase un ano máis á celebración do aniversario de Rosalía de Castro, e faino coa tradicional iniciativa do “Caldo de Gloria”, que terá lugar o próximo venres 27 de febreiro. Trátase dunha proposta promovida pola Fundación Rosalía de Castro, en colaboración coa Fundación Curros Enríquez e a Asociación de Amas de Casa “Ilduara”, que busca implicar á hostalería local na divulgación da obra da escritora galega.

Nesta edición, un total de 23 establecementos entre restaurantes, cafeterías, taperías e bares da vila ofrecerán aos clientes esta creación culinaria inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” de Rosalía de Castro. Nos restaurantes, o “Caldo de Gloria” formará parte da carta do día, mentres que nos bares e tabernas se servirá unha cunca de caldo acompañando o consumo da bebida. Para completar a experiencia, a Fundación Curros Enríquez distribuirá salvamanteles cos versos de Rosalía, facilitados pola Fundación Rosalía de Castro, para que a poesía acompañe a degustación.

A xornada contará ademais cunha foliada na que se lerá o poema de Rosalía de Castro, acompañada pola música da Banda de Gaitas do Concello de Celanova e do Grupo Lembranza Solpor, achegando á celebración un compoñente cultural e festivo que reflicte a importancia da literatura na vida da vila.

Dende a Fundación Curros Enríquez convidan a veciños e visitantes a participar nesta celebración, degustando un caldiño mentres se goza da poesía e da música que honran á figura máis representativa das letras galegas.

0.083981990814209