Celanova converteuse este sábado no primeiro pobo orgulloso de Galicia

Celanova converteuse este sábado, 28 de xuño, no primeiro pobo orgulloso de Galicia coa celebración do evento ‘Celanova é Orgullo’. A Praza Maior encheuse de xente para apoiar a diversidade e os dereitos do colectivo LGTBIQ+ nunha festa que comezou cunha pintada de murais pola igualdade realizada polos nenos e nenas da vila, guiados polo artista Alejandro Araujo.
Durante a xornada, descubriuse unha placa que recoñece a Celanova como o “1º Pobo Orgulloso de Galicia”. O acto estivo animado cun pasarrúas e a actuación da Banda de Música de Celanova. Xa pola mañá, a sesión vermú con DJ Sula reuniu a moitos asistentes, que tamén puideron gozar das tradicionais pulpeiras.
A parte máis destacada do día chegou pola tarde co espectáculo “Orgullo de Pobo”, no que participaron artistas como Natalia, Ricky Merino, Lucía Pérez, Sabela, Enrique Ramil, Alejandro Araujo, Manu Varela, Sula DJ, Albert Infante, Drag Pulula, Drag Alejandra, G Face e Drag Ashley.
No acto participou tamén a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, que destacou a importancia de iniciativas como esta para fomentar a convivencia, a sensibilización e o apoio ás persoas LGTBI, especialmente no medio rural.