Celanova entregará este domingo o XLI Premio ‘Celanova, Casa dos Poetas’ á compañía ourensá Sarabela Teatro

A Fundación Curros Enríquez entregará este domingo, 7 de setembro, o XLI Premio ‘Celanova, Casa dos Poetas’, unha xornada que ten como obxectivo poñer en valor a cultura e que serve como homenaxe aos escritores máis ilustres da vila.
Este ano, o premio recae na compañía ourensá Sarabela Teatro, á que o xurado decidiu outorgar este recoñecemento “por su larga trayectoria en el ámbito sensorial de la representación escénica y por su compromiso permanente con la veracidad, honestidad y autenticidad”. A compañía, explicou o xurado, demostrou estes valores tanto na elección dos textos que leva a escena como na súa relación co público, caracterizada pola transparencia e a fidelidade á conexión única entre actor e espectador.
Fundada en 1980 no ámbito cultural da Universidade Laboral de Ourense e profesionalizada en 1990, Sarabela mantivo desde entón un firme compromiso cos autores galegos —como Blanco Amor, Vicente Risco ou Méndez Ferrín— sen deixar de lado os clásicos universais nin as súas propias creacións. A compañía reivindica o seu propósito de “facer un teatro de calidade: vivo, arriscado, contemporáneo, coherente, con rigor, autocrítica, responsabilidade e resistencia”.
Con este galardón, a Fundación Curros Enríquez recoñece tanto a excelencia artística como o vínculo da compañía cos seus orixes ourensáns. Ademais da súa actividade profesional sobre os escenarios, Sarabela destaca polo seu labor como formadora e promotora de encontros teatrais na provincia, entre eles o FITO, a MITEU e o MOTI, que contribuíron a achegar o teatro a novos públicos e a fortalecer o tecido cultural de Ourense.
O acto comezará ás 11:30 horas cunha ofrenda floral diante do monumento de Celso Emilio Ferreiro, coincidindo co 46 cabodano do poeta. O acto incluirá a actuación da Banda de Gaitas de Celanova, un recitado de poemas de Ferreiro e de Manuel Curros Enríquez a cargo do Grupo de Teatro Solpor, e a interpretación do Himno Antergo.
A continuación, ás 12:00 horas, terá lugar a entrega oficial do recoñecemento na Praza Maior. Diversas autoridades asistirán ao acto, que contará coa música de Celanova Brass e da Banda de Gaitas.