Celanova homenaxeará ás vítimas da represión franquista cun memorial no cemiterio de San Breixo

OurenseXa
O acto, organizado polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, terá lugar o vindeiro 23 de marzo
Baldomero-moreiras-cemitterio-san-breixo-celanova-memorial
Baldomero Moreiras
20 Feb 2025

O vindeiro 23 de marzo, Celanova acollerá a inauguración dun memorial dedicado ás 90 vítimas da represión franquista soterradas no cemiterio de San Breixo entre 1936 e 1943, cando se clausurou a Prisión Central. O acto reunirá a unha ducia de familias que, grazas ao traballo do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, foron localizadas para participar nesta homenaxe.

A maioría das vítimas eran naturais de Asturias, pero tamén haberá representación de Castela e León, Madrid, Castela-A Mancha, Andalucía, Estremadura e Monforte de Lemos. O recoñecemento busca poñer en valor a memoria das persoas represaliadas e visibilizar a súa historia nun espazo de recordo.

Na presentación do evento, que tivo lugar este mércores, participaron o alcalde de Celanova, Antonio Puga, e a tenente de alcalde, Teresa Barge, acompañados de familiares das vítimas e membros do Comité. Entre os asistentes estaban Gerardo Tesera Tovar, neto de Gerardo Tovar Gris, un palentino que morreu de tuberculose na prisión en 1941, e Fernando Moure, sobriño neto do guerrilleiro monfortino Ramón Yáñez Pereira, asasinado polas forzas franquistas en 1943.

O alcalde destacou o labor do Comité de Memoria Histórica e a perseveranza das familias na busca dos seus antepasados. Pola súa banda, Fernando Moure subliñou que o apoio do Concello de Celanova aos traballos de recuperación da memoria debería ser un exemplo para outras administracións, mentres que Gerardo Tesera Tovar agradeceu en nome de todas as familias o respaldo institucional a esta iniciativa.

O memorial consistirá nunha prancha de ferro que sostén dúas placas de aceiro co nome das vítimas e a inscrición: “En recordo das vítimas da represión fascista entre 1936 e 1943 soterradas neste cemiterio”. Eríxese sobre unha sepultura simbólica que homenaxea a todas as persoas represaliadas na comarca. O deseño, obra do artista celanovés Baldomero Moreiras, inclúe dúas pombas similares á da placa instalada no antigo cárcere de mulleres de Celanova.

Ademais, en paralelo, instalarase un monumento creado por Uqui Permui en forma de banco de pedra e malla, promovido polo equipo de Histagra dentro do Plan Cuadrienal da Memoria Democrática Galicia 2021-2024. Esta peza conectará a exhumación das fosas en diferentes cemiterios e contará cunha inscrición sobre os restos dos sete asturianos atopados no xardín central do camposanto.

Os actos do 23 de marzo incluirán unha recepción institucional por parte do Concello de Celanova ás familias e ás autoridades que confirmaron a súa asistencia, como a Dirección Xeral de Memoria Democrática de Asturias, encabezada por Begoña Collazo, e representantes do Goberno do Estado. Tamén estarán presentes membros do Grupo Histagra da USC, do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA), do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro e da empresa Tempos Arqueólogos, responsables da intervención na fosa.

Despois da recepción, procederase ao descubrimento do memorial e do monumento no cemiterio de San Breixo. Durante o acto, o Comité e as familias solicitarán publicamente que o cemiterio sexa declarado Lugar de Memoria, segundo o establecido na Lei estatal de Memoria Democrática.

Con esta iniciativa, Celanova dá un paso máis na recuperación da memoria histórica e na dignificación das vítimas do franquismo, reafirmando o seu compromiso co recoñecemento e a reparación das inxustizas do pasado.

0.17794394493103