Celanova recuperará a memoria de Celso Emilio coa presentación de dúas recompilacións inéditas

OurenseXa
O Comité de Memoria Histórica de Celanova organiza o 22 de novembro un acto que levará de regreso ao poeta á súa vila natal
celso-emilio-ferreiro
Fotografía de Celso Emilio Ferreiro
28 Oct 2025

A figura do poeta Celso Emilio Ferreiro volverá estar presente en Celanova o próximo 22 de novembro, coa presentación de dúas recompilacións das súas obras até agora inéditas na cidade. Trátase de “O Cabronario” (2024), unha colección de poemas antifranquistas en español, e “Pido una patria ao mundo” (2025), que terá o seu estreo en Celanova.

O acto terá lugar na mañá do sábado no Auditorio Municipal (AMIC) e contará coa participación da familia do poeta, da editora María Xosé Porteiro e do Premio Nacional de Literatura Antonio G. Teijeiro, entre outros convidados. Durante a presentación abordarase a obra de Celso Emilio e leranse por primeira vez na localidade estes textos comprometidos coa memoria antifascista.

A actividade forma parte das Xornadas de Memoria Antifascista sobre a Transición Española, organizadas polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, que se desenvolverán os sábados 15, 22 e 29 de novembro en distintos espazos da localidade. O comité busca, a través desta iniciativa, manter viva a memoria histórica e o compromiso cultural e político de figuras como Celso Emilio, Pepe Velo, Luís Soto e Ferrín.

O evento está aberto ao público, que poderá participar nesta celebración e achegarse ao legado do poeta. Nos próximos días anunciaranse máis detalles sobre o programa e as actividades previstas para as xornadas.

⚙ Configurar cookies
0.075720071792603