Celanova reunirá á veciñanza para ver a súa participación no Grand Prix 2025

OurenseXa
A xuntanza comezará ás 22:00 horas na Praza Maior, onde se presentará ao equipo participante
celanova-grand-prix
Equipo de Celanova participante no Grand Prix
4 Jul 2025

O vindeiro luns, 7 de xullo, a Praza Maior de Celanova converterase nun punto de encontro para todos os veciños e veciñas que queiran seguir xuntos a emisión do Grand Prix 2025. O Concello organiza esta xuntanza, que comezará ás 22:00 horas, co obxectivo de apoiar ao equipo local e celebrar a súa participación neste popular concurso televisivo.

Antes de que comece o programa, presentarase oficialmente ao equipo que representou a Celanova e, segundo adianta a organización, tamén haberá algunha sorpresa para animar a velada.

Celanova é un dos dez municipios seleccionados pola corporación de RTVE para competir nesta edición, que estará presentada de novo por Ramón García, acompañado por Lalachus e Ángela Fernández. Xunto á vila ourensá participarán Cubas de la Sagra (Madrid), Alagón (Zaragoza), Huelma (Xaén), L’Ollería (Valencia), L’Arboç (Tarragona), San Sebastián de la Gomera (Illas Canarias), Urduliz (Bizkaia), Peñaranda de Bracamonte (Salamanca) e Herencia (Cidade Real).

O equipo celanovés enfrontarase a Huelma no programa de apertura da cita televisiva máis agardada do verán. O Concello anima á veciñanza a acudir para desfrutar dunha noite de televisión, convivencia e apoio ao equipo local.

⚙ Configurar cookies
0.16441202163696