Centos de ciclistas participarán este domingo no Día da Bici en Ourense

Ourense acolle este domingo, 21 de setembro, a 39ª edición do Día da Bici, unha cita na que participarán centos de ciclistas e que provocará diversas restricións de tráfico por toda a cidade.
Este ano, o percorrido varía debido ás obras na Avenida de Portugal. A saída será desde a Alameda e continuará por rúas como Progreso, Avenida de Zamora, Coruña, Ponte do Milenio, Río Arnoia e Avenida de Santiago, para finalizar de novo na Alameda.
Os cortes de tráfico comezarán ás 10:00 horas na rúa do Progreso, desde a glorieta de San Rosendo ata a Avenida de Zamora. A partir das 11:30 horas estará cortado todo o itinerario da proba, incluídas as rúas que conflúen co percorrido.
A Policía Local recomenda empregar itinerarios alternativos para facilitar a circulación: para a dirección norte-sur, as pontes do Ribeiriño e da presa de Velle; de oeste a leste, a Avenida da Ribeira Sacra (N-120); e para o leste-centro, as rúas Emilia Pardo Bazán e Pena Trevinca. Ademais, establécense itinerarios especiais de entrada e saída pola zona sur para garantir o acceso aos veciños e servizos de urxencias.