Centos de persoas mobilizáronse este xoves en Ourense para protestar contra os incendios

Este xoves, 21, unha trintena de localidades mobilizáronse para protestar pola contra a política forestal da Xunta de Galicia. Na capital ourensá, centos de manifestantes encheron a Praza Maior baixo o lema “A política forestal do PP queima os nosos montes, queima as nosas casas”.
As concentracións, organizadas pola plataforma ‘Por un monte Galego con Futuro’, formada por máis de 50 organizacións, sucedéronse tamén noutros puntos da provincia, como Ribadavia, Allariz, Celanova ou Verín, así como nas capitais comarcais de todo o territorio, cun respaldo masivo por parte da cidadanía.
Os manifestantes, baixo o berro de “Lumes nunca máis” ou “Coa nosa terra non se xoga”, protestaron contra a onda incendiaria que, só na provincia de Ourense, deixa xa máis de 87.000 hectáreas arrasadas, o que supón aproximadamente o 10% da superficie da provincia, e que as últimas semanas bateu récords históricos tras rexistrar os tres maiores incendios da historia de Galicia: o de Larouco, con máis 30.000 hectáreas queimadas e que xa é o terceiro maior da historia de España, o de Chandrexa de Queixa, que afecta a unha superficie de arredor de 19.000 hectáreas, e o de Oímbra, con 17.000 hectáreas. Pediron, ademais, responsabilidades, directamente dirixidas ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e á Conselleira de Medio Rural, María José Gómez, pedindo a súa dimisión.