Centos de persoas participaron no III Encontro Burla Verde celebrado en Vilanova dos Infantes

O pasado sábado, 27 de setembro, celebrouse en Vilanova dos Infantes, no Concello de Celanova, o III Encontro Burla Verde, un evento que, segundo explican os organizadores, serviu de “espazo de convivencia, aprendizaxe e reivindicación para colectivos e persoas que defenden o territorio fronte ao espolio extractivista”.
A preparación desta edición foi, segundo recoñecen, “complexa pola cantidade de actividades e loitas que abarca, así como pola decisión de descentralizar os espazos e estender o programa por todo o pobo”. Con todo, valoran positivamente a riqueza de ter compartido asembleas con persoas moi diversas, o que permitiu “debater e decidir de maneira xusta, acollendo todas as visións”.
O programa incluíu palestras e faladoiros sobre macrogranxas, eólicos, plantacións de eucalipto ou incendios forestais, xunto con propostas alternativas como proxectos de agroecoloxía ou comunidades enerxéticas. Tamén houbo espazo para obradoiros, contacontos para crianzas e espectáculos participativos que combinaron mensaxes de defensa da terra coa creación colectiva.
A organización sinala entre os principais retos o esforzo por atopar puntos en común entre distintas visións e, ao tempo, abrirse a actividades que atenden tamén “o corpo e as emocións”. Nesta liña, o encontro apostou por coidados comunitarios e pola saúde colectiva, entendendo “que o impacto do espolio da terra tamén se manifesta no corpo e que cómpre crear estratexias para afrontalo en común”.
Outro dos avances, din, foi en accesibilidade e seguridade. Nesta edición, espazos foron adaptados con pictogramas e materiais de lectura fácil, habilitouse unha zona tranquila e sen estímulos, púxose en marcha un protocolo de convivencia libre de violencias e desenvolvéronse actividades específicas para crianzas e familias.
Con todo, a organización reivindica que o Burla Verde é un traballo “micelial”, tecido en rede entre persoas e colectivos de diferentes territorios, aprendendo unhas doutras e xerando unha programación diversa e viva.
A cita serviu para reforzar lazos entre colectivos, dar visibilidade a resistencias locais ante institucións e empresas, e proxectar as loitas máis alá do territorio, e os recursos recadados a través da comida, bebida e actividades destinaranse a apoiar aquelas mobilizacións en defensa da terra que máis o precisen.
Burla Verde botou a andar en 2023 en Sabucedo, e tivo continuidade en 2024 no Courel o que confirma, segundo explican os organizadores, que o encontro “é hoxe máis necesario ca nunca para visibilizar que a ameaza contra a terra non é só local, senón que afecta ao conxunto de Galicia”.