Centros de Ourense, Barbadás e Celanova participan durante este mes no proxecto “Plantando árbores con pinceis”

Afundación continúa desenvolvendo unha nova edición do seu proxecto educativo “Plantando árbores con pinceis”, unha iniciativa que combina cultura e sostibilidade e na que participan máis de 1300 escolares de toda Galicia ata o vindeiro 27 de abril. A proposta forma parte do programa da Obra Social de ABANCA “Educación para a sostibilidade”, recoñecido co premio nacional de Medio Ambiente de CECA.
A actividade chega este ano a distintos centros da provincia de Ourense, entre eles o CEIP Curros Enríquez de Ourense, o CEIP O Ruxidoiro da Valenzá, en Barbadás, e o CEIP Curros Enríquez de Celanova, que se suman a esta iniciativa que promove a concienciación ambiental a través da arte. Nela, o alumnado participa na creación de murais con pinturas fotocatalíticas, unhas pinturas deseñadas para absorber gases contaminantes e contribuír á mellora da calidade do aire nos espazos escolares.
O proxecto desenvolve unha metodoloxía participativa e colaborativa na que o alumnado traballa na elaboración de murais con temática ambiental, ademais de complementar a actividade con obradoiros nos que se fomentan hábitos sostibles. Neste contexto, Afundación destaca que “o uso deste tipo de pigmentos é útil dado o seu poder de absorción dos gases contaminantes derivados do tráfico e das industrias”, co obxectivo de crear contornas educativas máis saudables e concienciar sobre o coidado do medio natural.
Como novidade nesta edición, incorpórase tamén un taller de estampaxe e a adhesión ao movemento internacional “O mar empeza aquí”, que busca sensibilizar sobre o impacto dos residuos urbanos no medio mariño, lembrando que os restos que se tiran á rúa ou ao sistema de sumidoiros poden acabar no mar.
Desde a posta en marcha do proxecto en 2021, e unha vez remate esta quinta edición, máis de 19.000 escolares e docentes terán participado na creación de 217 murais en centros educativos de toda Galicia, consolidando esta iniciativa como unha das apostas educativas máis destacadas no ámbito da educación ambiental.