Chandrexa de Queixa, Manzaneda e Oímbra solicitan a declaración de zona catastrófica polos incendios

OurenseXa
En total, os lumes nestas zonas suman más de 36.000 hectáreas calcinadas
incendio-manzaneda
23 Aug 2025

Os concellos de Chandrexa de Queixa, Manzaneda e Oímbra remitiron escritos á Subdelegación do Goberno en Galicia e á Consellería do Medio Rural para reclamar medidas tras os incendios forestais que afectaron aos seus territorios. Aínda que non se rexistraron vítimas nin se viron danadas vivendas, si houbo afección a infraestruturas e servizos públicos e privados, polo que piden a declaración oficial de zona catastrófica e a concesión de axudas que permitan a súa reposición.

Na comunicación dirixida á Delegación do Goberno, os concellos solicitan tamén que se revisen as competencias e o financiamento dos pequenos municipios rurais dentro dun pacto polo desenvolvemento integral das zonas despoboadas. Reclaman ademais a creación dun fondo estatal de compensación ambiental para aqueles territorios con espazos naturais protexidos e un apoio real á gandería extensiva e silvopastoril, entendida como ferramenta preventiva fronte aos incendios en áreas de montaña. Outro dos puntos destacados é a demanda dun sistema máis xusto no abastecemento de auga, especialmente nas zonas de mananciais.

No que respecta á Consellería do Medio Rural, piden que se aclaren as instrucións para que os agricultores non se vexan prexudicados nas declaracións da PAC polas parcelas queimadas. Tamén, no caso de Manzaneda, trasladan a necesidade de estudar excepcións á prohibición de pastoreo en terreos afectados polo lume e a posibilidade de abrir un proceso de participación pública que permita avaliar con rigor os impactos en agricultores, gandeiros e propietarios forestais, facendo fincapé na perda de soutos.

⚙ Configurar cookies
0.16588997840881