Chegan á provincia Ourense os primeiros "nómades dixitais" do programa de termalismo da Deputación
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, trasladouse este luns ata o Balneario de Lobios para recibir ao primeiro grupo de “nómades dixitais” que participa no novo programa de termalismo da Deputación de Ourense, unha iniciativa que presenta aos establecementos termais como espazos idóneos para teletraballar e descansar.
Neste programa participan traballadores de diversos sectores, entre eles o audiovisual, artístico e de novas tecnoloxías. Os “nómades dixitais” proceden de países de catro continentes (Alemaña, Hungría, Portugal, Romanía, Marrocos, Estados Unidos, Francia, Italia, Serbia e Australia), que teletraballarán desde aquí durante dez días compaxinando traballo e lecer.
O programa, que se presentará na edición de Termatalia que comeza esta semana, inclúe aloxamento en réxime de pensión completa, 10 técnicas termais, espazo común de networking e diversas actividades que contribuirán a complementar a experiencia nas horas libres.
O presidente da Deputación salientou a “gran resposta” que ten esta primeira experiencia piloto, pioneira nun entorno balneario, “superando as expectativas previstas” ao contar con nómades dixitais residentes en catro continentes.
Ao remate desta primeira quenda, dixo Luis Menor, a Deputación poderá extraer valiosas conclusións para desenvolver novas experiencias para o 2025, que serán presentadas á Rede de Vilar Termais da FEMP. Destacou o presidente provincial as oportunidades que se abren con esta iniciativa, “dado que pode estenderse por toda a provincia en escenarios diferentes polo noso potencial termal”. Ademáis, destacou que estes profesionais exercerán o papel de “prescriptores dos nosos recursos”.
Primeiro programa de termalismo para nómades dixitais de Vilas Termais de España
A Deputación pon en marcha este programa de termalismo para nómades dixitais, o primeiro destas características a nivel de Vilas Termais de España, logo de ser anunciado polo presidente provincial, Luis Menor, no pasado mes de xuño durante a asemblea anual de Villas Termales da FEMP, co obxectivo de presentar os balnearios como espazos idóneos para o teletraballo a este novo perfil profesional.
Na provincia de Ourense “contamos con enclaves privilexiados para o teletraballo -como este balneario de Lobios-, que están dotados de todas as necesidades que pode demandar un nómade dixital”, sinalou Luis Menor.