Cinco centros da provincia de Ourense foron premiados no certame InnovaTech FP

OurenseXa
Foron recoñecidos o CIFP A Carballeira, o CIFP Portovello e o CIFP A Farixa de Ourense, o IES San Mamede de Maceda e o IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia
premios-innovatech-cifp-portovello-ourense
Alumnado do CIFP Portovello galardoado nos premios InnovaTech FP 2025
18 Jun 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, presidiu este mércores o acto de entrega de premios da segunda edición do certame InnovaTech FP, unha iniciativa que promove a innovación tecnolóxica e o emprendemento entre o alumnado de Formación Profesional en Galicia. O evento, celebrado no Centro Integrado de FP Universidade Laboral de Culleredo, reuniu arredor de 500 persoas, entre estudantes, profesorado e representantes das empresas colaboradoras.

Durante a súa intervención, o conselleiro puxo en valor a calidade e a innovación dos 20 proxectos premiados, resultado do traballo de estudantes que deron resposta a retos tecnolóxicos reais formulados por empresas galegas de diversos sectores. Rodríguez destacou que nesta edición se duplicou o número de empresas participantes, pasando de 10 a 20, o que reflicte a boa acollida do programa e o seu impacto positivo na relación entre a FP e o tecido empresarial.

Os proxectos gañadores, ademais do recoñecemento, recibirán apoio do Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, que lles ofrecerá orientación a través da súa área de emprendemento industrial para converter estas ideas en solucións comercialmente viables. Segundo o conselleiro, trátase dunha forma eficaz de achegar o alumnado ao mundo laboral, potenciar a súa creatividade e facilitar a súa inserción profesional.

No certame participaron máis de 1.000 alumnos e 240 docentes, que formaron 243 equipos de 72 centros educativos, entre institutos e centros integrados de FP. Todos traballaron en equipos mixtos e multidisciplinares, recibindo formación en Design Thinking, e os 60 equipos finalistas tamén en prototipado e comunicación estratéxica. Os proxectos desenvolvéronse coa supervisión técnica do Centro Galego da Innovación da FP, que prestou apoio en todas as fases do proceso.

En total, cinco centros da provincia de Ourense foron recoñecidos polas súas propostas destacadas nesta edición 2025 do InnovaTech FP.

O CIFP A Carballeira (Ourense) foi premiado no Reto 3, formulado pola empresa Viaqua, cunha solución de mantemento preditivo de maquinaria industrial mediante análise acústica e intelixencia artificial. O sistema emprega micrófonos de contacto e análise local de datos para detectar anomalías en tempo real.

No Reto 6, proposto por El Pulpo, o CIFP Portovello (Ourense) presentou unha plataforma de economía circular no sector téxtil que promove a segunda vida das prendas mediante compravenda, doazón e intercambio. Inclúe un algoritmo de IA que asigna automaticamente un valor de re-compra xusto.

O IES San Mamede (Maceda) foi premiado no Reto 7 de Pérez Rumbao, cun sistema integral de localización e xestión de vehículos en talleres de automoción, baseado na tecnoloxía Ultra Wide Band (UWB), que permite localizar con precisión cada vehículo e optimizar os tempos de reparación.

No Reto 15, formulado polo Grupo Cuevas, o CIFP A Farixa (Ourense) propuxo unha solución para automatizar o pelado e a clasificación de castañas destinadas á elaboración de marrón glacé, mediante un sistema de rolos con auga a presión e visión artificial, mellorando así a eficiencia do proceso.

Finalmente, o IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia) foi premiado no Reto 17 de Biomasa Forestal, cunha proposta baseada no desenvolvemento de mallas biodegradables e protectores de virutas de madeira, que melloran a conservación do solo e protexen novas plantacións, reducindo o uso de plásticos.

⚙ Configurar cookies
0.15859699249268