Claudio H. chega a Ourense co seu proxecto "Mestís"
O músico e compositor Claudio H. aterriza este venres, 12 de abril, no Café Cultural Auriense, onde presentará o seu proxecto "Mestís". A cita terá lugar ás 21.00 horas.
Sobre o proxecto
Mestís é un proxecto onde participan outros catro músicos da escena alacantina máis actual: Francesco Severino, Carlos Porcel, Benjamín Marpegán e Juanlu Mais.
Formouse a finais de 2019 coa idea de ofrecer ás cancións creadas por Claudio H. un novo aire, con textura e cor diferentes e, sobre todo, darlles a faísca sempre luminosa da creación colectiva.
O concepto ten como basee catro piares fundamentais… Unha sección rítmica sólida, bailonga e sofisticada á vez. A sección de ventos, de característico e particular son. Melodía, harmonía e arranxos traballados e sempre sorprendentes. E por último e fundamental; a poesía dunha coidada letra para chegar dentro de quen escoita... Poderíase agregar un quinto: o ambiente sempre divertido e san do escenario en cada concerto.
O traballo de investigación é permanente. Todas as ideas que van saíndo nos ensaios próbanse, tócanse, discútense, e quedámonos coa mellor.