COGAMI e a Mancomunidade Terra de Celanova reforzan a atención ás persoas con discapacidade

OurenseXa
Ambos organismos mantiveron unha xuntanza para abordar a situación actual das persoas con discapacidade da comarca
cogami-mancomunidad-celanova
Reunión entre COGAMI e a Mancomunidade Terras de Celanova
28 May 2025

A traballadora social de COGAMI en Ourense, Eva Vázquez, e o orientador laboral, Carlos Montero mantiveron unha xuntanza coa Coordinadora de Servizos Sociais da Mancomunidade Terra de Celanova, Manuela Bande Vázquez, para abordar a situación actual das persoas con discapacidade da comarca e establecer liñas de traballo conxunto.

Durante a reunión, celebrada nas instalacións da mancomunidade, compartiuse información sobre os recursos e servizos que ofrece a entidade, tanto na área de Promoción da Autonomía Persoal como na de Intermediación Laboral. Neste sentido, achegáronse os datos do Servizo de Emprego de COGAMI na comarca de Celanova, onde a día de hoxe hai 98 persoas inscritas (50 homes e 48 mulleres), das cales 39 teñen unha Incapacidade Permanente Total (IPT) e 59 contan con Certificado de Discapacidade. Só no ano 2025 realizáronse 31 orientacións laborais a persoas da zona, tramitáronse 3 ofertas de emprego e visitáronse 3 empresas novas, dentro do traballo continuo de prospección e fomento da contratación inclusiva.

Aproveitouse esta ocasión para presentar outros programas activos dirixidos a persoas con discapacidade, como os Itinerarios de Inclusión Sociolaboral, diferentes propostas de lecer inclusivo (como os programas impulsados por COCEMFE, Gavea ou o Lecer Náutico), así como as iniciativas de sensibilización e concienciación social e o Programa de Voluntariado, que inclúe un sistema de acreditación de competencias.

Esta xuntanza serviu tamén para analizar o traballo que xa se vén realizando coas persoas con discapacidade da zona e sentar as bases para futuras colaboracións. Ambas entidades comprometéronse a manter o contacto e a celebrar novas reunións co equipo técnico de traballadores e traballadoras sociais da mancomunidade para continuar avanzando nunha atención integral e coordinada.

⚙ Configurar cookies
0.1683669090271